
O Concello de Curtis localizou nas últimas semanas augas subterráneas e executou cinco pozos co obxectivo de reforzar o abastecemento de auga, unha actuación que permitirá aportar máis de 1.000 metros cúbicos diarios dentro do contexto da prealerta por escaseza na cunca do río Mandeo.
"A actuación, que supón unha inversión superior aos 25.000 euros, subministrará auga ao polígono industrial e á estación de tratamento de auga potable (ETAP) da Ratona. A conexión á rede está prevista para os vindeiros días, despois de varias xornadas de vertido á rede de pluviais, de acordo coas indicacións de persoal técnico", explica o Goberno de Javier Caínzos.
Esta nova aportación de auga, di Curtis, súmase a outros traballos executados nas últimas semanas para incrementar a subministración de auga á rede municipal. Neste sentido, houbo unha actuación provisional no encoro da Castellana para captar auga no seu interior, debido a que as bombas localizadas no bordo quedaron practicamente varadas pola seca.
Seguen en vigor as restricións ao consumo, tales como as prohibicións de encher piscinas privadas, lavar coches, regar hortas e xardíns e empregar a auga para limpeza non sanitaria. Por outra banda, solicitóuselles ás empresas do polígono de Teixeiro unha redución proporcional do seu consumo de auga, co obxectivo non só de garantir a dispoñibilidade de auga para a poboación, senón tamén de asegurar a continuidade dos procesos industriais.














