
O Concello de Curtis continúa a mellorar a rede viaria municipal coa posta en marcha de dúas obras de rehabilitación de firmes. As actuacións, que supoñen un investimento superior aos 142.000 euros, permitirán renovar o pavimento e reforzar a seguridade viaria en distintos puntos do termo municipal.
A primeira obra corresponde ao camiño de acceso ao Vilar, onde se está a aumentar o ancho útil da calzada a cinco metros e se mellorará a seguridade, especialmente para os peóns. Estes traballos foron adxudicados por 68.629,74 euros e xa deron comezo.
A segunda actuación desenvolverase nos tramos de Labrada-San Cibrá e nos accesos a Recareo e Gorxá desde a estrada AC-231, onde se levarán a cabo obras de pavimentación e reforzo do firme. Neste caso, o importe de adxudicación ascende a 73.593,98 euros e as obras comezarán nos vindeiros días.
O alcalde, Javier Caínzos, destacou neste sentido o “traballo constante” do Concello no mantemento e mellora da rede viaria municipal: "Os nosos camiños son fundamentais para a calidade de vida da veciñanza do rural e para a seguridade de todos os que os utilizan, polo que nos implicamos para que estean nas mellores condicións posibles".














