
O Concello de Curtis celebrou este venres o acto de cambio de nome da rúa Ambulatorio, no núcleo urbano de Curtis, que pasou a chamarse rúa Tío Benito do Santo. A homenaxe rendeu recoñecemento a Benito Seoane Paredes, persoeiro ilustre da vila, e o evento contou coa presenza dos seus familiares.
Benito Seoane Paredes (1859-1938), coñecido cariñosamente como o Tío Benito do Santo, foi un benefactor que fomentou o desenvolvemento da vila desde a súa posición de propietario, explica o Goberno local. "Doou terreos para poder construir infraestruturas básicas para a parroquia de Nosa Señora de Lourdes, demostrando un marcado compromiso co ben común, o desenvolvemento de Curtis e a prosperidade dos seus veciños e veciñas. Grazas á súa colaboración desinteresada, a localidade puido dotarse de servizos básicos", sinala o equipo de Javier Caínzos.
Engaden que a súa figura segue a ser emblemática e moi querida na vila, "onde a transmisión oral das xeracións e os ensaios históricos locais mantiveron viva a súa memoria". Co cambio de nome da rúa, o Concello pretende "poñer en valor o seu legado e o sentir da veciñanza".












