Antón Lagares, Lar de Unta e Parrillada Chimi Churri, propostas dos concelleiros non adscritos para os Premios Garelos 2026
Manuel Martínez e Pablo Villaverde destacan o éxito deportivo do mozo piragüista, o labor cultural de Lar de Unta e a traxectoria dunha das grandes referencias da hostalaría betanceira.

Os concelleiros non adscritos do Concello de Betanzos, Manuel Martínez e Pablo Villaverde, fixeron públicas as súas propostas para os Premios Garelos 2026, apostando por tres candidaturas que, ao seu xuízo, representan o esforzo, a tradición e o compromiso coa cidade.
Na categoría de Deportes, os edís propoñen ao piragüista betanceiro Antón Lagares, deportista do Club Ría de Betanzos e unha das grandes promesas do piragüismo español. Lagares vén de acadar a medalla de bronce no Campionato do Mundo Júnior de Sprint, disputado en Canadá, na modalidade de C1 200 metros, un éxito que se suma a un destacado palmarés no que xa figuran medallas internacionais e varios títulos nacionais.
Para o apartado de Cultura, a candidatura presentada é a da asociación Lar de Unta, entidade que leva máis de 25 anos desenvolvendo unha intensa actividade cultural e social en Betanzos. Ao longo deste tempo contribuíu á dinamización do Casco Histórico mediante a organización de conferencias, publicacións, exposicións e numerosas iniciativas de divulgación do patrimonio brigantino.
Na categoría de Industria e Empresa, Manuel Martínez e Pablo Villaverde propoñen á Parrillada Chimi Churri, un establecemento emblemático da hostalaría local que forma parte da historia gastronómica de Betanzos desde 1969. O restaurante, de carácter familiar, consolidouse ao longo de máis de cinco décadas como unha referencia para varias xeracións de betanceiros e visitantes.
Os concelleiros non adscritos destacan que as tres candidaturas simbolizan “o mellor de Betanzos”, ao combinar o éxito deportivo, o compromiso coa cultura e unha sólida traxectoria empresarial.
Segundo sinalan, os valores que representan Antón Lagares, Lar de Unta e a Parrillada Chimi Churri encaixan plenamente co espírito dos Premios Garelos, un recoñecemento destinado a distinguir persoas, entidades e empresas que contribúen ao prestixio e ao desenvolvemento da cidade.












