Patricia Sánchez Abeal, poeta: "Esta obra é un agasallo á miña familia, ás miñas orixes... a Betanzos"

Patricia Sánchez Abeal (Betanzos, 1981) presenta mañá, ás 12.30 horas en Biblos, 'Trazo Dobre', un poemario íntimo no que memoria, maternidade e identidade dialogan desde unha linguaxe depurada e despois unha reflexión profunda, "cunha voz máis madura".
A autora betanceira, comunicadora e poeta, desembarca na súa cidade natal para compartir cos seus o que ela mesma define como un 'agasallo á miña familia, ás orixes e a Betanzos".
Sánchez Abeal, asentada en Vigo desde hai anos, viviu en distintos lugares do mundo, e esa distancia acabou reforzando a súa necesidade de volver á terra e á lingua. De feito, recoñece que foi precisamente a poesía a que lle permitiu reconectar con Galicia tras anos fóra e en 'Trazo Dobre' mergúllase no territorio da familia e das herdanzas emocionais.
Neste sentido, explica que o libro naceu case dunha forma inevitable, como nacen ás veces as obsesións que acompañan unha etapa vital. A chegada da maternidade fixo aparecer preguntas novas: como educar, como transmitir, como situarse fronte ao futuro. E para avanzar cara adiante, asegura, primeiro tivo que mirar atrás. Ese regreso á infancia e á memoria familiar convértese no eixo de 'Trazo Dobre'.
Con todo, non se trata dunha autobiografía nin dun exercicio de nostalxia, pois nas páxinas de 'Trazo Dobre' conviven lembranzas persoais, imaxinación, ficción e diálogo constante coa literatura e coas voces doutros autores.
Durante o proceso de escritura contou co acompañamento da poeta Dores Tembrás, cuxo traballo rigoroso e minucioso resultou fundamental na procura dese ton preciso que atravesa o libro. As referencias literarias ocupan ademais un lugar importante na obra. Entre elas destaca a pegada de Wislawa Szymborska, admirada pola súa capacidade para escribir desde o humano e o cotián sen caer na solemnidade. Xunto a ela aparecen tamén moitas voces da poesía galega contemporánea, ás que a autora entende como parte dunha herdanza colectiva e afectiva.
Publicado por Galaxia, 'Trazo Dobre' constrúe así unha cartografía emocional na que o reflexo, a identidade e os vínculos familiares se entrecruzan continuamente e ese 'dobre trazo' ao que alude o título convértese nunha metáfora do que se herda e do que se devolve, das linguas que se habitan e as relacións que conforman a cada individuo.
Patricia Sánchez Abeal atopa na poesía un medio de aproximación, Un xeito de entender mellor o pasado e de nomear aquilo que ás veces só pode expresarse desde a delicadeza dun poema.














