
A Biblioteca de Betanzos segue medrando como espazo vivo de intercambio, aprendizaxe e coidado coa implantación dun novo e singular servizo: o intercambio de sementes para as hortas da veciñanza das Mariñas. Unha actividade que combina sustentabilidade, cultura e igualdade, e que se encadra na iniciativa Tecelás da Terra, recoñecida nos Premios Luísa Villalta da Deputación da Coruña.
Así, ademáis de libros, nas instalacións do antigo convento de San Domingos tamén intercambian sementes, para cultivar hortas e comunidade, para unir o casco urbano e os núcleos rurais de Betanzos. “Trátase dunha proposta que promove a soberanía alimentaria, o empoderamento feminino e a cultura do coidado a través da creación dunha Biblioteca de Sementes Ecofeminista”, sinalan os seus responsables, que destacan a especial trascendencia da intervención da veciñanza no desenvolvemento desta iniciativa na cidade, onde a colección ten unha orixe claramente comunitaria, en concreto no Centro Social de Xanrozo.

As veciñas deste núcleo son quen impulsaron esta colección de sementes que agora se abre a toda a cidadanía a través da Biblioteca Castelao. Unha colección na que se poden adoptar cantidade de variedades tradicionais, como xudías, coles, tomates, pementos de Padrón ou repolo de Betanzos.
Pero tamén outras máis escasas, como as de sandía ou de azafrán, configurando un ‘viveiro’ ao alcance de calquer cidadán interesado en sementar, sempre que asuma o compromiso claro co seu uso responsable, seguindo as normas de cultivo, reprodución e aprendizaxe marcadas, contribuíndo así á conservación e mellora das variedades das Mariñas.
Asimesmo, outro dos piares esenciais deste proxecto é a devolución, pois ao rematar o ciclo, cada usuario deberá devolver a maior cantidade posible de sementes das variedades que levou en préstamo e, no caso de non conseguilo, terá que explicar os motivos, o que, dalgunha maneira, tamén contribuírá ao coñecemento colectivo.
Este modelo busca algo máis que facilitar o acceso a sementes, pois pretende crear unha rede de colaboración entre veciños, recuperar saberes tradicionais e reforzar a autonomía alimentaria no municipio de Betanzos. Así, a Biblioteca Municipal Castelao de Betanzos convértese nun espazo onde non só se prestan libros, senón tamén oportunidades para aprender, compartir e coidar do territorio; onde se pode levar un libro... e tamén un sobre de sementes.










