A Xunta aproba o proxecto de mellora de seguridade e accesibilidade da estrada AC-542 en Infesta

O Consello da Xunta deulle hoxe luz verde definitiva ao proxecto de trazado para a mellora da seguridade e accesibilidade peonil na estrada AC-542, en Infesta, en Betanzos.
O investimento neste novo proxecto da Xunta superará os 1,4 millóns de euros, no cal se inclúe o pagamento dos sete predios necesarios para executar esta actuación.
A aprobación definitiva deste proxecto no Consello da Xunta comporta a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos predios necesarios para executar esta intervención.
O Goberno galego prevé convocar os actos expropiatorios de levantamento das actas previas no primeiro semestre do vindeiro ano, para a continuación licitar as obras.
O prazo de execución da actuación é de 12 meses. A través do proxecto aprobado hoxe trátase de levar a cabo actuacións de acondicionamento e mellora no treito inicial de 2,4 quilómetros de lonxitude da estrada AC-542, desde o punto quilométrico 0+000 (intersección coa AC-840) e o punto quilométrico 2+400 (enlace coa A-6), habilitando un itinerario peonil continuo, accesible e seguro segundo a normativa de aplicación.
O proxecto informado hoxe polo Executivo autonómico incorpora as propostas do proxecto piloto elaborado por Stop Accidentes na contorna do Centro Pai Menni de Betanzos, destinado a persoas con discapacidade.
Neste caso, este proxecto impulsouse no marco do convenio de colaboración da Xunta e Stop Accidentes para o impulso de novas medidas en defensa da seguridade viaria.
As actuacións propostas nesta intervención incorporan así as medidas do proxecto piloto e atende outras demandas dos veciños de Infesta, sendo nalgúns casos coincidentes coas transmitidas polo centro Pai Menni e, noutros casos, complementarias.
Modificacións
O proxecto definitivo incorpora, respecto do sometido inicialmente, a información pública, as modificacións no trazado, entre as que se inclúen a habilitación dun carril central de xiro á esquerda para o acceso desde a AC-542 á N-VI en dirección á Coruña; 21 desprazamentos lixeiros en posición de refuxios e paradas de autobús ou a configuración de prazas de aparcamento.
Así mesmo, inclúense ademais actuacións de mellora da seguridade peonil, como un novo paso de peóns máis preto dos accesos á Infesta e ao Tarreo, e actuacións de mellora da seguridade viaria, novas beirarrúas entre os quilómetros 1+930 e 2+120 e restriccións dos movementos de xiro á esquerda no acceso a Xan Rozo.
Tamén se prevé o reforzo da sinalización de limitación de velocidade máxima e a ampliación de zonas restrinxidas a 50 km/h, ou a adaptación do deseño das vías de Pai Menni para o estacionamento temporal.




















