
Hai cousas que cambian dun día para outro e outras que non mudan en séculos, que son intrínsecas a unha sociedade, como a vocación comercial das xentes de Betanzos. Mentres a cidade se adorna para volver vestir de medieval e vivir con intensidade unha das citas máis agardadas do verán, os tres días de Feira Franca 2026, o historiador Xesús Torres Regueiro acaba de arroxar luz sobre unha historia moito máis extensa do que moitos imaxinan: a das Feiras e Mercados de Betanzos.
No último número da revista ADRA, do Museo do Pobo Galego, reconstrúe oito séculos dunha actividade esencial na construción da identidade da cidadanía das Mariñas. Porque antes de ser unha celebración das alcumadas históricas, a Feira Franca de Betanzos foi un privilexio real, concedido hai máis de cincocentos anos por Henrique IV de Trastámara. E mesmo antes desa regalía, a vila –aínda non cidade– xa nacera co comercio no seu ADN.
“Este número é un monofráfico sobre as feiras en Galicia e eu estaba traballando sobre as feiras na antigua provincia de Betanzos, o seu director coñecía este dato e encargáronme este artigo, que é unha compilación de todo o documentado e publicado ata a data”, sinala Torres.
Trasladada en 1219 por Alfonso IX desde o seu emprazamento orixinal para concentrar a actividade mercantil da comarca, os mercados converteron axiña Betanzos en espazo de encontro para agricultores, tratantes, mariñeiros e mercadores, nun dos máis importantes de Galicia.
A documentación conservada confirma que xa no século XIII existía unha feira mensual o primeiro día de cada mes, unha tradición que perdura durante centos de anos, ata este mesmo XXI.
Con todo, o salto decisivo chegaría en 1467. Henrique IV ratificou os privilexios das feiras betanceiras e concedeu á cidade un mes enteiro de feira franca, libre de impostos e alcabalas, con trinta días nos que mercadorías e comerciantes podían entrar e saír por terra e mar sen pagar tributos, convertendo Betanzos nun dos máis descatados centros económicos do Reino de Galicia.
Unha época dourada para un territorio que tamén acababa de recibir o título de cidade e que exercía como cabeza dunha ampla comarca; que en novembro, un mes que aínda hoxe conserva un sabor especial, enchíase de actividade con Santos, o Feirón de San Martiño e San Andrés.
Con todo, a cita de novembro “non é continua” pois “non aparece rexistrada no Catastro da Ensenada” mais Vales Villamarín atopa documentación do evento en 1790.
A historia, porén, tamén coñece épocas difíciles, de incendios devastadores, inundacións, cambios nas rutas comerciais ou a aparición de novas feiras noutros estremos fixeron que aquel esplendor fose esmorecendo pouco a pouco, aínda que a tradición nunca desapareceu e O Campo seguiu sendo o corazón da Feira de Betanzos.
Alí, diante de San Domingos, entre panadeiras, gando, galiñas, queixos, polbo, tratantes e veciños, escribiuse durante séculos unha parte esencial da vida cotiá da cidade, e cando a praza se urbanizou no século XIX, o gando trasladouse á coñecida Feira Nova (Praza de Afonso IX) e máis tarde ao mercado da Cruz Verde. Pero para as súas xentes O Campo continuou sendo simplemente iso: O Campo.
Desde 1998, a Feira Franca Medieval recupera simbolicamente as concesións de Henrique IV. Durante uns días, as rúas do casco histórico volven encherse de artesáns, música, tabernas e oficios antigos para evocar uns séculos de esplendor e unha cidade feita para comerciar e celebrar que, como escribiu Murguía, “os veciños de Betanzos eran os xenoveses de Galicia”.
E a investigación de Torres invita a iso: a mirar máis alá da celebración e deterse na historia das Mariñas. Porque detrás dos traxes medievais e da ambientación hai unha historia real de máis de oitocentos anos, na que as feiras non eran un espectáculo, senón o motor económico dunha cidade e dunha comarca enteira, con asistencia de xentes chegadas por terra e por mar, de toda A Coruña e de Lugo, mesmo de case toda Galicia.















