O BNG reúnese con Amigos dos Ríos de Betanzos para estudar propostas de rexeneración da ría

O BNG de Betanzos desenvolveu estes días un encontro coa Asociación Amigos dos Ríos de Betanzos (ARBE), con fin de poñer en común as súas propostas para a rexeneración da ría de Betanzos e para a protección e o saneamento dos ríos que transcorren polo termo municipal. O encontro desenvolveuse dentro do proceso iniciado pola organización nacionalista para reunirse coas entidades, asociacións e clubs que conforman o tecido asociativo de Betanzos.
"Este primeiro encontro coa directiva de ARBE, unha agrupación fundamental no concello, regado e rodeado de auga e de actividades vinculadas aos ríos, xirou arredor da protección, o coidado e o desfrute dos ríos. Os integrantes da asociación trasladáronlle ao BNG as súas peticións para as diferentes administracións, que van desde o mantemento á retirada de sedimentos ou á creación dunha campa de varada", comentou a formación.
Antón Tenreiro, o novo integrante do grupo municipal do BNG, indicou que “o coidado dos ríos e da ría debe ser un labor prioritario para calquera goberno betanceiro e a interlocución con entidades como ARBE ten que ser constante e fluída”.












