
O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria para esixir melloras no transporte ferroviario e por autobús na súa contorna.
En palabras do concelleiro nacionalista, Salvador González, “a privilexiada posición xeográfica e estratéxica, debería permitirnos comunicarnos con facilidade e promover os movementos económicos, laborais e estudantís das betanceiras e betanceiros no seu día a día, mais esta comunicación limítase ao transporte privado, ao ser imposíbel o uso dun transporte público que substitúa os vehículos privados nos seus desprazamentos”.
Desde o BNG lembraron que veñen denunciando a través de iniciativas no plenarias, no Parlamento de Galicia e, mesmo, no Congreso dos Deputados o deficiente estado das vías ferroviarias e a carencia de servizos de proximidade que unan Betanzos con Ferrol e coa Coruña; o escaso investimento na mellora das infraestruturas, a supresión de liñas de autobús con ambas as cidades e a ausencia de servizos específicos desde Betanzos cara aos campus universitarios e cara aos polígonos industriais da contorna.
“Desde o BNG só procuramos ofrecerlle á veciñanza de Betanzos e de toda a comarca das Mariñas unha alternativa de transporte público, colectivo e ecoloxicamente sustentábel que substitúa o automóbil privado”, engadiu González.
Algunhas das medidas que solicitaron desde o BNG son a modernización da liña ferroviaria e a construción do by-pass de Infesta, a apertura das estacións e unhas frecuencias e horarios adaptados ás necesidades das usuarias do tren. Así mesmo, no referente ao servizo de autobús, esixen a mellora das frecuencias e horarios das liñas de autobús e a oferta dos servizos necesarios para permitir a conexión entre Betanzos, A Coruña e Ferrol, así como a conexión cos polígonos industriais e cos campus universitarios.











