Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Comarca de Betanzos

‘Bailadoras do Turreiro’: a foliada ‘reinventada’ nun pub de Betanzos

O Neón transformouse por un día nunha eira moderna onde bailadores e cinco agrupacións de pandereteiras e gaiteiros gravaron un documental sobre música tradicional impulsado por Pesquedellas

A gravación desenvolveuse durante unha tarde no pub Neón de Betanzos
A gravación desenvolveuse durante unha tarde no pub Neón de Betanzos
Cedida

O Neón de Betanzos transformouse por un día nun turreiro moderno onde máis de cincuenta bailadores e cinco agrupacións de pandeireteiras e gaiteiros menores de trinta anos celebraron as tradicións e gravaron un documental que explica os elementos non verbais “das foliadas de antano e das de hoxe en día” no marco dunha iniciativa impulsada pola Asociación Pesquedellas e amparada pola Iniciativa Xove da Xunta. Deste xeito, a cidade converteuse, como tantas veces na súa historia, en espazo de encontro interxeracional, pero nesta ocasión da man do proxecto ‘Bailadoras do Turreiro. Unha foliada comentada para a posteridade’.

O Neón, símbolo da vida nocturna da comarca, cedeu por un serán as súas instalacións ás gaitas, pandeiretas e voces novas, e onde adoita soar música electrónica, soou a tradición viva. Así, algo que xurdiu como unha brincadeira acabou nunha experiencia do máis enriquecedora: “Quixemos demostrar que as foliadas seguen a ser espazos de liberdade e respecto, lugares onde a galega continúa facendo comunidade a través da cultura e da lingua”, explican desde Pesquedellas.

A iniciativa parte dunha idea tan sinxela como valorosa: as foliadas foron as discotecas do rural, espazos de encontro social e cultural nos que a música era en directo e as estrelas eran os veciños. O documental, producido por Rappa Studio, combina a frescura dunha foliada real coa reflexión sobre o presente e o futuro do baile galego, tal e como sinala Sara Fraga, unha das voces de Pesquedellas. “Que pasaría se fósemos ao Luar e en lugar de bailar como nunha actuación bailásemos como nunha foliada?”, interpela Fraga.

Os recoñecidos investigadores e comentaristas deste espazo televisivo, Xurxo Fernandes e Montse Rivera, guiaron a visión do público, interpretando o que acontece entre bailadores e bailadoras: a improvisación dos puntos, a colocación das parellas, o diálogo co ritmo e a evolución das estruturas tradicionais ata este 2025.

A foliada, contou coa intervención activa de varias agrupacións: Os Dous de Sempre (Ismael García, de A Coruña, e Pablo Castro, de Vimianzo); Repoludas e Silandeiras, da Escola de Música e Baile Tradicional de Coirós; Galantiñas da Asociación Cultural Donaire; As Lavercas, Da Pontragha, PanSenFron, da Coruña, e Embruxo Gaiteiros, de Ordes.

Quixemos demostrar que seguen a ser espazos de liberdade e respecto onde a mocidade segue facendo comunidade”

A iniciativa, máis alá de celebrar a tradición, propón unha análise contemporánea: como se aprenden e reinterpretan as estruturas tradicionais, que papel xoga a improvisación e de que xeito a continúa transmitindo este patrimonio de maneira natural e creativa.

Despois, Xurxo Fernandes e Montse Rivera, nas súas conversas, afondaron tamén nunha cuestión esencial: o papel das mulleres no baile galego, non só como transmisoras da tradición, senón como protagonistas activas da escena actual. “Queremos saber se isto tamén se debe transmitir nas escolas de baile”, sinala Fraga.

‘Bailadoras do Turreiro’ presentouse no Espazo Xove de Betanzos, acompañada dun coloquio cos asistentes, e en Carballo, onde residen varias das participantes e ten a súa sede Rappa Studio.

A peza audiovisual completa pode verse na canle de YouTube de Pesquedellas, pero o colectivo xa prepara novas proxeccións presenciais, convencido de que “o debate e a reflexión colectiva seguen a ser tan importantes como o propio baile” para manter intacta a tradición en Galicia.