Reportaje | Unha bolsa para devolver o talento dos mozos galegos ao seu lugar de orixe

Reportaje | Unha bolsa para devolver o talento dos mozos galegos ao seu  lugar de orixe
Última promoción de bolseiros BEME e Nerea Couto, en Fráncfort.

Atraer talento de volta e traer de regreso a mocidade galega no exterior. É a base da que parten as Bolsas de Excelencia para a Mocidade Exterior (BEME), postas en marcha dende a Secretaría Xeral da Emigración, que nas súas primeiras edicións xa teñen conseguido beneficiar 500 persoas.  

Trátase dun programa que vai en consonancia e incluído na Estratexia Galicia Retorna, impulsada dende a Xunta, e que é o primeiro plan integral de retorno a España de persoas, perseguindo incentivar a volta non só dos galegos emigrados, senón tamén dos seus descendentes.

No primeiro dos casos, o de galega emigrada, está –ou máis ben estaba– a ferrolá Nerea Couto. Ela xa está de volta en Galicia, procedente de Alemaña, e o camiño de volta fíxoo agarrándose a unha destas bolsas BEME. “Eu agora teño 31 anos e levaba en Alemaña dende o 2014”, comenta esta enfermeira que ao acabar a carreira topouse con que o mercado laboral xermano lle ofrecía unha oportunidade que no seu lugar de orixe non podía ter.

 

Experiencia

No entanto, tras cinco anos alí, a terra volveulle tirar e a aparición no seu camiño das BEME foi o último impulso que necesitou para tomar a decisión de retornar a Galicia. “Cando quixen volver entereime de que existían estas axudas e parecéronme unha boa opción para conseguir traballo en Galicia”, sinala Nerea Couto.

No seu caso, o retorno veu aparellado ao mestrado de Prevención de Riscos Laborais, un dos numerosos títulos de posgrao que as BEME propoñen para os galegos –e descendentes de galegos– que queren volver á comunidade.    Segundo os datos da Secretaría Xeral da Emigración, dende a súa posta en marcha, este programa xa beneficiou 500 persoas, que residían no estranxeiro e que optaron por ampliar ou completar os seus estudos na comunidade galega. Nesta nova edición, poñeranse sobre a mesa outras 150 bolsas de formación nas tres universidades públicas galegas.

E é que as BEME o que fan é darlles axudas a estes mozos emigrados para que poidan estudar na súa comunidade de orixe un programa de posgrao, o que lles supón a eles un beneficio, porque poden optar a máis formación e a novas oportunidades laborais, e tamén lle permite a Galicia gañar talento mozo, posto que os beneficiarios achegan brillantes currículos.

 

Boca a boca

En total, dende a posta en marcha desta iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración, chegaron a Galicia 500 alumnos procedentes de diversos países, non só dos máis tradicionais para os emigrantes galegos, como poden ser os de América do Sur, senón doutros como México, Países Baixos, Reino Unido, Italia, Canadá, Rusia, Portugal ou Alemaña.

Deste último país é dende onde chegou Nerea Couto, que escoitou falar do BEME por unha amiga: “Entereime por outra rapaza que tamén estivera en Alemaña e que o ano anterior tivera a bolsa e faloume dela”. E aí se puxo en marcha a operación retorno da enfermeira ferrolá, quen apostou polo mestrado en Prevención de Riscos Laborais como fórmula para regresar e poder ter opción “de mellorar en Galicia e traballar con horarios e sen quendas”, como era o caso do seu emprego como sanitaria.

Dese boca a boca que funcionou no caso de Nerea Couto tamén ela se fai partícipe, pois anima a quen poida acollerse a estas axudas a pedir a BEME, posto que é unha opción máis rápida e sinxela para regresar: “Eu estudei en Galicia e ao acabar marchei a Alemaña. Pero a miña intención era volver o día de mañá e ao xurdir esta oportunidade xa o fixen. A BEME axudoume a decirdime”.

Segundo sinala, sen a bolsa quizais quedaría máis tempo no país xermano, pero ao recibir a axuda autonómica xa pudo executar de xeito efectivo o seu retorno á terra de orixe.

Ademais, Nerea Couto asegura que a tramitación da bolsa é moi sinxela e rápida, xa que todo se fai a través dun portal online –https://bolsasexcelencia.xunta.gal–e hai que “mandar papeleo, pero nada importante nin complicado”.

Este é o cuarto ano que a Secretaría da Emigración pon en marcha as BEME para posibilitar que 150 mozos –este curso– universitarios de currículo brillante e que están no estranxeiro poidan cursar estudos de mestrados nas universidades galegas. Deste xeito, dunha banda atráese os galegos que viven fóra para que poidan formarse e especializarse na comunidade e, de paso, fíxase definitivamente aquí a súa residencia, con estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

 

Adaptación pola Covid-19

Así lle ocorreu a Nerea Couto, quen comezou o curso en setembro do ano pasado e terminou o seu Traballo de Fin de Mestrado no mesmo mes deste ano porque, polo medio, conseguiu un posto de traballo que seguiu compaxinando coas clases –que, por certo, dende marzo adaptáronse ao formato online debido á pandemia da Covid-19–, de xeito que sacou todas as materias no mes de xuño e deixou para setembro a finalización do mestrado co traballo final. O caso desta enfermeira ferrolá é o dunha moza que marcha traballar ao estranxeiro tras estudar en Galicia e regresa grazas ás BEME, pero os beneficiarios destas bolsas van máis aló dos que son galegos de nacemento. E é que as axudas da Secretaría Xeral da Emigración tamén chegan a aqueles descendentes de galegos por vía da consanguinidade –pais, nais, avós e avoas, bisavós e bisavoas...–. O caso é que os beneficiarios acrediten un mínimo de dous anos de residencia no exterior e, a maiores, estar admitidos na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.  

Durante o curso de 2020 os estudantes que obtiveron a  BEME contaron cunha axuda de entre 7.000 e 7.650 euros, dependendo de se procededían de Europa ou de países do resto do mundo, no caso de cursos completos de 60 créditos, e de ata 11.475 euros se os créditos chegaban a 90 créditos. Con estas subvencións, os mozos poden sufragar os gastos da matrícula, a viaxe de volta a Galicia, o aloxamento e a manutención durante o curso.

Reportaje | Unha bolsa para devolver o talento dos mozos galegos ao seu lugar de orixe

Te puede interesar