A nova lei de benestar animal defende o sacrificio cero e loita contra o maltrato

A nova lei de benestar animal defende o sacrificio cero e loita contra o maltrato
A loita contra o abandono animal e o maltrato son dous dos eixos da lei de protección dos animais de compañía en Galicia

O anteproxecto de Lei de Protección de Benestar dos Animais de Compañía de Galicia, que foi aprobado no mes de marzo polo Consello da Xunta e que se prevé entre no Parlamento no primeiro período de sesións, ten como principais eixos a loita contra o maltrato e abandono animal, así como avanzar cara ao sacrificio cero.
Un dos principais obxectivos deste texto é loitar e evitar o maltrato animal, no só na súa representación como violencia extrema; senón tamén noutras formas de manifestación, tales como someter aos animais a condicións hixiénicas e sanitarias moi cuestionables, o seu emprego en espectáculos prohibidos ou noutros nos que non é posible garantir o cumprimento dunhas condicións mínimas de benestar.
Por outro lado, prohibe o emprego de todo tipo de trebellos destinados a impedir ou limitar a mobilidade dun animal que lles produza danos ou sufrimentos ou lle impida manter a súa posición normal.

Abandonos
Outro dos retos que se pretende paliar coa nova lei é o abandono de animais domésticos, que orixina un grave problema nos centros municipais de recollida de animais abandonados; polo que a nova lei potencia e facilita a adopción dos animais abandonados, de xeito que o sacrificio sexa o último recurso ao ter fallado as posibilidades anteriores e que sempre deberá ser prescrito e efectuado por un profesional veterinario.
Unha das medidas que destacan son a creación de fogares de acollida, cun réxime de acollemento temporal nos que se garanta o coidado, atención e condicións hixiénico sanitarias que precise e estará condicionado á devolución inmediata do animal no caso de que aparecese un adoptante definitivo válido, polo que se prohibe a adquisición de animais de compañía por menores de 16 anos.
Á marxe dos cambios na división no texto, as principais modificacións na estruturación do texto baséanse nunha división mais sinxela e nítida das distintas materias a regular, definindo claramente o concepto de animal de compañía, que comprende tanto aos animais domésticos como a aqueles animais silvestres mantidos en catividade con fins distintos aos produtivos, sexan ou non potencialmente perigosos en ambos casos. Neste sentido desaparece o concepto de animais salvaxes en catividade substituído polo termo animais silvestres mantidos en catividade, dos que será necesario acreditar a súa orixe legal, coas especificacións (autorización previa) no caso de tratarse de exemplares de animais pertencentes a especies autóctonas ou ás declaradas como exóticas invasoras.
A norma introduce a obriga de identificación en todos os casos dos animais de compañía de especie canina, mediante un microchip e a inscrición do Rexistro galego de identificación de animais de compañía- Regiac; unha medida que axudará a minorar a lacra do abandono, xa que resultará máis sinxelo identificar ao titular do animal.
En relación cos animais potencialmente perigosos, ademais de establecer o seu concepto e de concretarse as razas de can que teñen tal consideración, establécese a obriga da obtención previa da licenza municipal para poder obter un can desta categoría, can que deberá ser inscrito no rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.
Na nova lei tamén se establece un artigo sobre as aves de presa en catividade, para as que será necesario obter previamente unha autorización administrativa concedida pola consellería competente, á vez que deberán ser identificadas individualmente con microchip ou anela e inscribirse na sección correspondente do Regiac.

Tramitación
A Xunta mantén a previsión de que esta nova Lei –cuxo anteproxecto foi aprobado en marzo no Consello– entre no Parlamento de Galicia no primeiro período de sesións de 2017; xa que as alegacións presentadas xa están respondidas na súa totalidade.
O desenvolvemento deste novo texto normativo para a protección dos animais é un dos principais obxectivos para a nova lexislatura, que se acompañará co impulso a unha liña de axuda para concellos e titulares de asociacións protectoras para axudar a cumprir os requirimentos da norma.
En definitiva, os obxectivos da lei son acadar o máximo nivel de protección e benestar dos animais obxecto desta lei, consonte a súa condición de seres vivos dotados de sensibilidade física e psíquica; fomentar o coñecemento do mundo animal que contribúa a unha conduta máis responsable e cívica das persoas no respecto, defensa e preservación dos animais, así como na súa tenza, acorde coas necesidades fisiolóxicas dos mesmos; compatibilizar o benestar dos animais co seu goce e mantemento polas persoas; e harmonizar a tenza dos animais coa convivencia social pacífica e segura.

A nova lei de benestar animal defende o sacrificio cero e loita contra o maltrato

Te puede interesar