miércoles 16.10.2019

A metade das persoas que emprenden en actividades do rural galego son mulleres

No 44% das explotacións rexitradas en Galicia son elas as que figuran como titulares

A presidenta de Adegas Condes de Albarei, Dolores Calvo, tamén forma parte de asociacións que fomentan o papel da muller no cooperativismo | gonzalo salgado
A presidenta de Adegas Condes de Albarei, Dolores Calvo, tamén forma parte de asociacións que fomentan o papel da muller no cooperativismo | gonzalo salgado

A incorporación da muller a diferentes sectores económicos a través do emprendemento propio é unha realidade que, no caso do agro galego, aparece multiplicada. E é que, segundo os datos da Consellería do Medio Rural, o 54% das persoas que chegan ao rural galego para emprender como autónomas ou empresas son mulleres.
Fronte a esta realidade está o dato do mundo urbano: neste caso, a proporción é de só o 30 por cento, como indican as cifras elaboradas polo departamento que dirixe Ángeles Vázquez.
Desta maneira, dende a Consellería celebran un feito pegado a estes número que demostra, din, que as mulleres están a asumir formalmente o papel que merecen no mundo rural.
Segundo as estatística, as novas empresarias son fundamentalmente autónomas (un 79 por cento das situacións) que apostan pola posta en marcha de iniciativas no rural de produtos ou servizos dos que observan carencias no seu entorno máis próximo, o que fai ver tamén o achegamento que teñen á contorna e a súa aposta “crucial” por esta.

Cambio de tendencia
O cambio de tendencia que se albisca vai tamén no que se refire á titularidade das explotacións rexistradas en Galicia. Desta maneira, dende Medio Rural apuntan a que das 140.930 explotacións que hai, en 61.629 delas é unha muller a titular, ou o que é o mesmo, que no 43,76% delas o posto recae no xénero feminino. En canto á distribución provincial, é A Coruña na que máis se produce esta situación, cun total de 15.753 titulares (máis do 46% do sector), seguida de Pontevedra (20.076 empresarias, e o 45%), Lugo (15.915 emprendedoras, e o 43%) e Ourense, con 9.885 titulares, que constitúen o 39% do total.
De cara a afianzar estes datos e a incorporación da muller aos sectores económicos do rural, a Consellería que dirixe Ángeles Vázquez daralle durante todo este ano prioridade nas axudas a aqueles proxectos na que haxa presenza de empresarias e tamén porá en marcha durante este 2018 varias liñas de subvencións e investimentos encamiñadas directamente ás mulleres do rural.
Entre elas destacan, por exemplo, os 275.000 euros que se van achegar dende Medio Rural para tarefas de formación e que permitirán que as mulleres adquiran e melloren as súas competencias profesionais ou os 150.000 euros que o Programa de Desenvolvemento Rural reserva para este mesmo fin formativo.
Pola súa banda, a administración galega tamén ten un plan de transferencia para apoiar actividades de demostración e información no agro galego, e que ten un orzamento de 175.000 euros que se suma aos 224.000 que sereserva o Programa de Desenvolvemento Rural e que ten o mesmo obxectivo.

Comentarios