“O galego campa!” volve para dinamizar a lingua entre os mozos nos campamentos

“O galego campa!” volve para dinamizar a lingua entre os mozos nos campamentos

Bota a andar unha nova edición do programa de dinamización lingüística “O galego campa!”, da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado cos obxectivos de favorecer o desenvolvemento da actividade en galego no contexto dos campamentos de verán da Xunta de Galicia e mais de facilitarlle formación e recursos ao monitorado para a realización de actividades que animen os rapaces e rapazas a se expresar nesta lingua.
Así o anunciaron onte o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, na presentación das novas propostas de “O galego campa!”, que fixeron coincidir cunha visita conxunta ao campamento boirense de Espiñeira no que se desenvolveu unha sesión das novas dinámicas coa participación de 100 rapaces e rapazas de entre once e doce anos. 
“As actividades de O galego campa! chegarán entre xullo e agosto aos campamentos a través de sete dinámicas diferentes coas que se acaba de enriquecer o Repositorio dixital do tempo libre en galego para seguir dinamizando a lingua na xente nova e no tempo libre”, explicou García Gómez, quen aproveitou a ocasión para animar o monitorado a empregar o galego na súa actividade profesional e á rapazada “a iniciar e manter en galego as novas amizades que agroman durante estes días de convivencia e de lecer”, recordando tamén “que a promoción do uso do idioma entre a xente nova é un compromiso do Goberno galego, que xa traballa no deseño do primeiro Plan de dinamización da lingua galega na mocidade”.
Pola súa banda, Cecilia Vázquez recordou que “no total galego, en toda a Campaña de verán, participarán 9.046 mozos e mozas, un 6 % máis que o ano anterior” e que “as actividades están dirixidas a rapazada de entre nove e trinta anos, divididas en propostas específicas para os distintos grupos de idade”. 

Inversión
O departamento autonómico inviste 2, 6 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que favorecen a contratación dunhas 900 persoas entre monitorado e persoal de dirección de tempo libre. 
Na programación inclúense campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas, o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís, as actividades para maiores de 18 anos, campos de traballo en España e no estranxeiro e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.
Os campamentos da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado incluídos na programación de actividades son o Campamento Xuvenil Espiñeira (Boiro, A Coruña), o Albergue Municipal Quiroga (Quiroga, Lugo), o Campamento Xuvenil Furelos (Melide, A Coruña), o Campamento Xuvenil A Illa de Ons (Bueu, Pontevedra), o Campamento Xuvenil Pontemaril (Forcarei, Pontevedra; en dúas quendas), o Albergue Xuvenil Benigno Quiroga (Portomarín, Lugo), o Albergue Penedos de Xacinto (Entrimo, Ourense), o Albergue Xuvenil As Sinas (Vilanova de Arousa, Pontevedra; en dúas quendas), o Campamento Xuvenil Os Chacotes (Palas de Rei, Lugo; en dúas quendas), o Albergue Xuvenil Area (Viveiro, Lugo), o Campamento Xuvenil Virxe de Loreto (Porto do Son, A Coruña), o Albergue Xuvenil de Gandarío (Bergondo, A Coruña), a Estación de Montaña de Manzaneda (Manzaneda, Ourense), o Complexo O Corgo (Muíños, Ourense) e mais o Campamento Xuvenil A Devesa (Ribadeo, Lugo).

“O galego campa!” volve para dinamizar a lingua entre os mozos nos campamentos

Te puede interesar