“Estudamos levar as obras a casas da cultura para xuntar o alumnado de varios centros”

“Estudamos levar as obras a casas da cultura para xuntar o alumnado de varios centros”
Sanmartín sinala a importancia de trasladar propostas de calidade a concellos pequenos javier alborés

DAC-Outono preséntase como unha das novidades do goberno que capitanea a Deputación coruñesa, un programa paralelo ao xa cimentado de tempo, Rede Cultural, no que se busca que os principais núcleos da comarca se alimenten de pezas feitas para a ocasión ou que estean baseadas en efemérides ou personalidades especiais. Conta a vicepresidenta da institución, Goretti Sanmartín, que a iniciativa leva rodando desde este mes por distintas localidades e “vai durar até o 18 de decembro”, sendo a máis potente a pasada semana e esta.
Serán en total 50 espectáculos repartidos entre 18 concellos cunha gala da Irmandade que visitará Santa Comba, dúas montaxes adicadas á figura de Castelao, ao que se adicou o Día das Artes e outra a Manuel María, homenaxeado nas Letras Galegas deste ano: “todo cruzado con públicos diferentes infantil e xuvenil. “Hainos para centros de ensinanza de Primaria como “Barriga Verde”, con monicreques que recordan o poeta chairego e outros fabricados para Secundaria como “Retrincos de Castelao”, no que Isabel Risco e Fran Rei inspíranse no de Rianxo.
Desta última, son todo aplausos. De feito, “temos moitas peticións de institutos que queren sumarse á rede”. Por iso, a responsable da área cultural da Deputación estuda a opción de non levar as pezas directamente aos centros, senón de facelo nas “casas de cultura para xuntar o alumnado de varios centros”.
Despois, están os títulos cociñados para seren degustados en familia como “O menú da fala”, onde Carlos Blanco volta da man do ilustrador Nito Davila para pintar as Irmandades co toque que cada comarca vista.
Este domingo, a posta en escena chegou ao auditorio Gabriel García Márquez de Mera, onde Seixo Branco e o faro saíron á palestra xunto coa retranca do arousán: “É un espectáculo baseado noutros previos para falar de Castelao e as Irmandades. Debuxan en directo e increméntano con cuestións máis relacionadas coa lingua”.
Sanmartín sinala que o resultado é moi orixinal xa que se mesturan o estilo de Alfonso Daniel co autor das viñetas do Faro de Vigo: “Adáptano a cada unha das localidades con algo representativo dos escenarios onde as representan”.
En paralelo, “Retrincos de Castelao” parte de textos do propio autor, fundamentalmente de “Cousas” e “Retrincos”, e dunha ducia de viñetas para saltar pola vida do debuxante e abordar todas as arestas do personaxe co obxectivo de que o público vaia repasando as súas facetas: a humana, o humorista, o ilustrador e o político.
A Gala da Irmandade, pola súa parte, é maxia co mago Teto, teatro con Os quinquilláns e danza e canción con Mónica de Nut e Ánxela Blanco, que veñen de traballar xuntas en “Nana para Espertar”, performance de voz e movemento.
Tamén adquire tintes reinvincativos con Luis Iglesia e Xabier Deive, de Boneca Lareta, “todo iso máis a música de Caxade en directo” viaxando de Ortigueira a Padrón, con parada polo medio en Betanzos: “Tamén irá a Ribeira e As Pontes e acabará en Santa Comba”. A vicepresidenta tilda o conxunto de “potente” e destaca o feito de trasladar “propostas de gran calidade a concellos pequenos e medianos”.
Conta a nacionalista que a Rede Cultural de Espectáculos é distinta “porque é ao longo de todo o ano e aquí non son as compañías as que ofrecen os espectáculos. Na rede hai un convenio da Deputación cos concellos no que teñen cabida unha serie de números”.
En DAC-Outono “a Deputación paga o 100%, é gratuito para os consistorios e ten un programa especial coa creación de obras especiais”.

teatro colón
Por outro lado, o organismo traballa na cesión do teatro Colón ao Goberno local nesa intención de deixar que programen os contidos de espazos da súa titularidade os propios concellos ou a Xunta: “Estamos traballando. É a nosa primeira opción e estamos facendo unha análise que implica o xurídico e tamén o económico”. De momento, non hai máis novidades porque se atopan nunha fase de recompilación de datos para xuntarse de novo con cifras máis concretas enriba da mesa.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso asegurou hai unhas semanas que espera traspasar a xestión da infraestrutura en marzo de 2017, aínda que o concelleiro de Culturas da Coruña, José Manuel Sande, falou que desde María Pita tampouco estaban dispostos a asumir a tarefa a calquera prezo.

reforzo
Até o 18 de novembro, a institución provincial tinguirá con DAC-Outono de contemporaneidade a referentes do país como Castelao e Manuel María e ao movemento das Irmandades da Fala, do que se conmemora en 2016 o centenario. As montaxes desenvolveranse este mes e o que vén en 18 puntos da provincia, incluidos Betanzos e Oleiros como os máis próximos á cidade. Os outros son Ames, Arzúa, Carballo, Cee, Melide, Muros, Narón, Negreira, Noia, Ordes, Ortigueira, Padrón, As Pontes, Ribeira, Santa Comba e Vimianzo.
Entre o abano de alternativas, a entidade programará “Barriga verde”, “Retrincos de Castelao”, “Menú da fala” e “Gala da Irmandade”. Integrará representacións para centros educativos dos ciclos de Primaria e Secundaria con outras para público xeral e irase ata as casas de Cultura, auditorios e á mesma rúa.
A vicepresidenta Goretti Sanmartín explica que o proxecto divulga “o legado cultural destes tres eixos da nosa cultura, de maneira especial, ás novas xeracións, con espectáculos e linguaxes contemporáneas”. Con varias semanas de percorrido, o ente estuda aumentalo a máis lugares xa que en moitos esgótanse as entradas, segundo Sanmartín.
A responsable cultural destaca que é un xeito de reforzar a programación propia de concellos que son cabeceiras de comarca con obras de calidade nun outono que será máis ben unha primavera para a cultura do país.Un dos membros de Culturactiva, a empresa encargada da coordinación técnica do programa, Nacho Fungueiriño, apunta que a finalidade é “acercar a un público heterogéneo la importancia de estas grandes figuras de la cultura gallega”.

“Estudamos levar as obras a casas da cultura para xuntar o alumnado de varios centros”

Te puede interesar