O ciclo Todo Público empeza con dúas estreas de compañías coruñesas

O ciclo Todo Público empeza con dúas estreas  de compañías coruñesas
Copia de El Ideal Gallego-2017-10-04-036-e333b35d

Con espectáculos nunca vistos abrirá o Fórum Metropolitano o ciclo “Todo público”. Ademais, as montaxes de Caramuxo Teatro, que se poderá ver o venres, ás 20.00 horas, e de Pérez & Fernández, o 12, teñen prefixo 981. Foron cociñadas aquí. Os primeiros traerán o universo imaxinario de Maruxa Mallo nunha peza, “Ela”, que chupará das cores da artista e todos os elementos que fixeron da súa arte, algo único.

Contou onte Laura Sarasola, que o esforzo foi grande e que se trata dun experimento, que nada ten que o ver cos cinco anteriores, menos que tanto gusta aos pequenos de máis de tres anos como á butaca adulta. O director do Agadic, Jacobo Sutil, explicou que as compañías son dúas das 31 que recibiron apoios por parte da Xunta e destacou que se dirixen ao público máis cativo, promulgando valores cívicos e sociais en galego.

Sarasola confesou que sempre sentiron atracción pola figura de Mallo. Hoxe removen a súa creatividade nun pote onde meten o seu estilo dentro do seu: “Usamos cousas dela para crear o espectáculo”, nunha achega das artes plásticas ás familias e os rapaces. É para eles un reto: “Queremos que esta peza, que non é textual, sexa unha canle para levar, máis alá, a arte do teatro e da pintura”.

 

Literatura internacional

Pola súa parte, Pérez & Fernández suma dous títulos con este, “Aguratrat!”, unha adaptación do conto de Roald Dahl, “Esio Trot”, dos máis lidos no eido literario infantil e xuvenil. Comentou Victoria Pérez que igual que na primeira montaxe, na que levaron á escena “O poder de Amabel”, de Erica Esmorís, desta vez escolleron outra perla da literatura non tan coñecida como as “Matilda” ou “Charlie, a fábrica de chocolate”, e que ten como enganche o amor entre dúas persoas maiores.

O día 12, ás 18.30 horas, os espectadores atoparanse enriba do escenario ao Señor Hoppy e á Señora Silver, ademais dunha tartaruga, “que dá pé ao inicio do romance”, sinalou Victoria Pérez, quen avanzou que está macerado “para toda a familia, en particular, a partir de catro anos”. Para iso, contarán con Xosé Leis que tamén codirixe a peza nunha confirmación de que a súa aposta leva adosado un compromiso de animación á lectura.

As entradas para os dous espectáculos xa están á venda e poden adquirirse, por seis euros –dous euros no caso de que sexan menores de tres anos–, na praza de Ourense, a través de www.ticketea.com ou do teléfono 902 044 226 ou no propio Fórum o día da representación desde unha hora antes. Hai a opción de mercar o abono tres, que inclúe tres localidades por 15 euros.

O ciclo Todo Público empeza con dúas estreas de compañías coruñesas

Te puede interesar