Que viva o resplandor!

O mesmo día que se acendían millóns de lámpadas, en Vigo, para alumear o nadal e para dar que falar, na mesma cidade entregábanse os Premios da Crítica de Galicia, cargados de esperanza e mirando para o que somos e o que pretendemos ser os galegos desta Galicia que, a pesar de todo, vai tirando.


Os premios da ilusión e uns premiados que son seguramente a verdade mesma das distintas áreas da intelectualidade, da creación, do estudo, do traballo cultural, da investigación e da divulgación do que pensan os que queren darlle unha volta ao mundo.


Hai quen pensa que o mundo necesita unha volta redonda ou unha reviravolta. Necesita que se pare a especulación, que se impoña a seriedade na política, no coidado da natureza, na ordenación do territorio, dos transportes, dos negocios e na orde internacional. Unha reviravolta ao mundo faise necesaria para que a humanidade poida seguir vivindo con dignidade, con tranquilidade e con luz, a poder ser, de noite e de día.

 

Con luz, con pan e traballo. Corenta e cinco anos despois da súa creación, entregáronse os Premios da Crítica e alí, nun acto multitudinario estaban os organizadores recibindo gabanzas e merecidos parabéns. Bieito Ledo, Antón Pulido, Manuel Bragado e Luís Suárez alongaban o seu sorriso de ledicia, para enterralo no corazón de cada un dos premiados ao son da música do Cuarteto Caramuxo, un cuarteto de seis: catro clarinetistas, un acordeonista e unha percusionista.


As oito modalidades dos premios dan alento para seguir traballando en todas e en cada unha delas, Iniciativas Culturais e Científicas, Creación Literaria, Investigación, Música, Artes Plásticas, Cine e Artes Audiovisuais, Artes Escénicas e Cultura Gastronómica. Cando parece que todo está feito, os creadores, investigadores, divulgadores, a propia audiencia e os espectadores caen na conta do moito que queda por facer. Poderase acabar o labor algún día?


Parece que non. Os feitos culturais deberán ter raíces no pobo e permanencia no tempo. Xa o dicía, e moi ben dito, o escritor checo, Milan Kundera, “a cultura é a memoria do pobo, a conciencia colectiva da continuidade histórica, o modo de pensar e de vivir”. En Vigo sábeno ben, a Fundación Premios da Crítica traballa sosegada e caladamente e, antes de que sexa noite, o Concello acende as luces e alumea. Que viva o resplandor!

Que viva o resplandor!

Te puede interesar