Un verán de intolerancia

Intolerancia número 1) Un fanático relixioso intenta asasinar a un escritor, Salman Rushdie, a cuxa cabeza puxo prezo un ditador chalado de Irán en 1989. O seu pecado, practicar a liberdade de expresión, algo que desagrada a demasiada xente, e cada vez máis, por desgraza. De feito, grupos ideolóxicos que hai poucas décadas facíamos da defensa libertaria da irreverencia un sinal de identidade agora enchéronse de censores, caso dalgunha esquerda. Imos con iso despois, que os que quixeron matar a Rushdie levan no totalitarismo desde sempre. E teñen un nome: integristas islámicos. A súa carreira de barbaridades é coñecida. Por iso nunca deixará de sorprender que ante cada salvaxada que provocan siga habendo persoeiros públicos incapaces de nomealos, temerosos de perder caché multicor, aínda que iso supoña silencio ante os profetas do negro. O auto-bombo por riba da valentía. Un sino dos tempos.


Intolerancia número 2) O gran éxito destas Festas de María Pita comezou xa desde o Pregón, pronunciado pola humorista Carolina Iglesias ante milleiros de persoas. Con todo, a coruñesa volveu ser noticia estes días e por causas non tan felices. Convidou a participar no seu podcast a outra cómica, Patricia Sornosa, que entre as súas habilidades ten a de facer bos chistes sobre transexuais. Como gran parte do chamado movemento queer non ten moito sentido do humor nin do dereito á liberdade de expresión de quen non comparte ao 100% os seus postulados, Carolina Iglesias pasou a ser brutalmente asediada en redes sociais por moitos dos que antes a consideraban propia. Todo por falar con outra persoa. Un clásico triste dos últimos tempos, onde nas universidades hai alumnos que consideran “inseguro” o coñecemento se non coincide coa idea que traen de casa. En outubro cúmprense cinco anos desde que uns estudantes woke da  Reed College de Oregón presionaron á dirección para que se deixase de ensinar a Platón e Aristóteles porque os clásicos gregos non tiñan unha visión plural. Consideran que son os libros os que teñen que aprender deles, non ao revés.


Intolerancia número 3) Resulta que na provincia de Burgos hai unha localidade pequena que se chama Castrillo Mota de Judíos. Iso non chama a atención, ao contrario do nome dese pobo ata hai uns anos: Castrillo Matajudíos. Glups. Toda a lóxica anti-holocausto convidaba a ese cambio, que se produciu en 2015. Pero hai quen non está dacordo. E este verán volveu atacar. Contedores ardendo, pedradas e pintadas reivindicaron de novo a antiga denominación. Está a localidade dividida? Non, son pandillas neo-nazis chegadas de fóra as que sementan o terror, lembrando que teñen o copyright histórico da peor intolerancia. Imposible dar máis noxo. Aí está todo o que non hai que ser, nin parecerse.

 

Un verán de intolerancia

Te puede interesar