Unha reforma do mercado laboral necesaria

O pasado mes de xaneiro o Partido Popular atacaba con todo o seu arsenal a reforma laboral. Cunha virulencia inusitada, o principal partido da oposición puxo todo o seu empeño en frear un plan aplaudido unanimemente por todo o país, desde os sindicatos ata a patronal. Aquela furia intelectual era, sen dúbida, o mellor indicio de que o Goberno ía polo bo camiño. Cinco meses despois da súa aprobación demóstrase con datos que o único efecto negativo que se pode extraer da reforma laboral ten que ver cos intereses electorais do PP, un partido aferrado ao canto peor, mellor. Pero vamos aos datos.


Desde maio do ano 2008, é dicir, desde antes da crise financeira, non se anotaba España un dato tan baixo de paro rexistrado: menos de 3 millóns de persoas. Que haxa alguén no paro, por suposto, segue a ser motivo de preocupación, mais cómpre tamén mirar con certo optimismo –que non con euforia– o feito de que os números reflictan unha evidente mellora. En España levamos 13 meses seguidos creando emprego. Temos hoxe 20,2 millóns de persoas afiliadas á Seguridade Social, 965.000 máis que no ano anterior. Si a serie é boa, mellor aínda é o acontecido nos últimos cinco meses: só no mes de maio asináronse neste país 730.427 contratos indefinidos, o mellor dato rexistrado. No caso dos mozos e mozas, pasouse dun 39% a un 60% de indefinidos. Cinco meses despois de aprobada a reforma laboral o 79% dos afiliados á Seguridade Social teñen contratos indefinidos, e entre xaneiro e maio deste ano o incremento de indefinidos a tempo completo foi do 133,1%. É evidente que non queda moita marxe á interpretación: a regulación levada a cabo polo Goberno do mercado de traballo está a dar os seus froitos.


Non quero dicir con isto que os problemas deste país estean resoltos, nin moito menos. Pero si que se está traballando para atallalos e, sobre todo, que se prioriza con intensidade a premisa de axudar a quen máis o precisa. Non poden ser os traballadores o punto máis feble da cadea. Os que coñecemos as fórmulas descarnadas e deshumanizadas coas que o PP afrontou anteriores crises económicas sabemos de que estamos a falar. Detrás das grandes cifras macroeconómicas sempre hai persoas, para algúns, as persoas son o importante, para outros, non. Os datos veñen demostrar os resultados de aplicar un modelo socialdemócrata, caracterizado pola fonda convicción de que a economía só mellora cando é capaz de mellorar a vida das persoas.


Loxicamente, existe unha fonda preocupación no Partido Popular, porque os datos desmontan totalmente a súa terapia, esa segundo a cal a única forma de curar un mal é inflixir un mal maior.

Unha reforma do mercado laboral necesaria

Te puede interesar