A Taxista que os levaba

Era discreta, silenciosa e traballadora. Coidaba da casa, das fillas, da nai e dos sogros; despois dos xenros, netos e netas. O seu cónxuxe andaba no mar e cando viña á terra volvía ao mar, onde traballaba de noite e de día, como traballaban e traballan os mariñeiros pescadores, eses que apartan á morte a patadas ou con suspiros que cruzan o océano e que se escoitan de noite e de madrugada en calquera das ribeiras.

Cos cartos do mar compraron un Seat 1500 de segunda man e ela, aquela muller dona de seu, aprendeu a conducir e pagou o carné tamén cos cartos do mar. Foi a primeira taxista que coñeceu a veciñanza. Era tan traballadora como tódalas outras mulleres do seu lugar, como todas as mulleres humildes, como eran as náis dos obreiros, dos mariñeiros, dos labregos e dos traballadores.

Levaba aos pasaxeiros a modiño, devagar ía a onde a chamaban, as máis da veces, a xunto do médico e cando chegaban os mariñeiros, con prezos especiais, ía co seu marido levalos ás súas casas. Era a taxista do mar, á que lle cantaban os poetas en cada parada, en cada praza e en tódolos pobos por onde andaba.

Amaba a igualdade e defendíaa, loitaba pola liberdade e traballaba para vivir e para que as súas fillas estudaran e fixeran carreira. A escola, a aprendizaxe e a formación eran para ela incuestionables, tan necesarias como o pan do almorzo. Sen ministerio, sen gabinetes de apoio e sen demagoxias, naquela época, cando ela era moza, todos sabían que para fuxir da opresión e da escravitude era necesario abandonar a submisión. Igual, exactamente igual, que hoxe.

Agora, o taxista é un dos seus netos, un home feito e dereito, con espírito de rebeldía herdado e mirando de centrar o pensamento en algo que non sexa recontar os días que faltan para as vacacións. A avoa é quen fai o xantar e quen se encarga de recordar cada día aquelo de que, como dicía Victor Hugo, “a primeira igualdade é a equidade”.

Nisto participa tamén a Tía Manuela, consciente de que unha sociedade non pode ser libre se non hai igualdade e para a igualdade non se precisan tantas estruturas administrativas ou gobernamentais senón vontade e sentido común, educación e respecto duns aos outros. Volver a vista atrás pode axudar para andar seguros cara un mundo máis xusto, polo tanto con maior igualdade e con máis liberdade. Vamos ver!


A Taxista que os levaba

Te puede interesar