Sostela sen decencia

Dn dos nosos afamados artistas gráficos con viñeta habitual nun dos xornais galegos vén de facer unha reflexión humorística que é todo un compendio sintetizado de valoración política de dous dos asuntos do momento, condensado nun pequeno diálogo na que unha das persoas afirma: Como nola meteron dobrada no Benidorm Fest. Ti lembras algo igual?. Diante desta interrogante, a outra respondía: Moito peor!. A reforma laboral fest. Retranca galega como torpedo á liña de flotación da responsabilidade política dos actores formalmente máis progresistas do actual goberno central que, por acción ou omisión, están a contribuír nun estado de indignación, decepción e cabreo entre os sectores populares que ven aldraxada a súa esperanza de xustiza.


A esta altura da película está claro que na resolución do Benidorm Fest existía unha decisión previamente acordada polos representantes da televisión pública, si esa que se financia cos nosos impostos que dese xeito deixan de ir á sanidade e outros servicios fundamentais, en favor dunha empresa privada que tirará o proveito económico desta descarada operación mercantil. Outra vez, diñeiro público a favor do negocio privado. Con todo, permitiuse que sabendo de que non ía valer de nada, o ente público montase unha operación de recadación de diñeiro en base á fraudulenta oferta de poñer na decisión do público a escolla da representación no festival europeo. Con iso, en base a mensaxes telefónicos de alto custe para o espectador, ocasionaron á xente que obrou inxenuamente de boa fe un quebranto que suma centos de miles de euros, sen que como se ve servise para nada porque a decisión xa estaba tomada e condicionada. E, diante desta operación que debería motivar a intervención do Ministerio de Consumo por ter cometido canto menos unha infracción administrativa que mesmo é penal pola fraude lesivo; non só non se fai nada senón que os directivos de RTVE manteñen unha desafiante “sostenella e non enmendalla”, cunha operación de lavado de cara abusando da súa capacidade de manipular á audiencia do medio.


Polo que respecta a mal denominada reforma laboral por tratarse só dunha pequena maquillaxe parcial, alén das grandes xesticulacións, compromisos asinados e proclamas continuadas do goberno, especialmente da titular da carteira de Traballo, a proposta santificada por decreto non modifica nada relacionado cos aspectos máis gravosos da lexislación en vigor en materia de despedimentos, modificacións substanciais das condicións de traballo, situación dos traballadores en paro e outros aspectos lesivos que se puxeron en evidencia na discusión política ata o estremo de facer válido esa pintara nun muro que di: “Reforma de Yolanda, en favor do que manda”.


Imposición dun resultado, no festival e no Congreso, froito dun xogo trucado contrario ao sentimento da xente, impoñendo o interese privado fronte á dignidade democrática do respecto.

Sostela sen decencia

Te puede interesar