Sen pelos na lingua

Un ministro do goberno de España, Alberto Garzón, di que o rei emérito, Juan Carlos I é un ladrón. Así falou diante dos xornalistas un dos altos representastes do Goberno do Estado, engadindo que “estamos falando dun delincuente acreditado, acreditado por el mesmo”. Fronte a estes dicires, a opinión pública divídese, cando menos, en tres bandos: os que comparten o expresado polo señor ministro, os que están en total desacordo con el e un terceiro grupo, ao que pertencen aqueles aos que parece que “nin lles vai nin lles vén”.


A cidadanía está do outro lado, anda coas contas, coa libreta no peto e co lapis punteando os prezos dos comestibles. Andan restando, mentres a compañeira de Garzón e o mesmo rei, cada un á súa maneira, andan sumando. É moi importante sumar, tan importante como avanzar ou chegar. E despois, despois que se fai? Calquera, despois de aprender a sumar e de saber restar, ten que poñerse coa multiplicación, aprender a táboa e entender que calquera multiplicación por cero ten como resultado cero.


O cero non é negativo, é sinxelamente iso, iso que está entre o un e o menos un. Na linguaxe política é igual a nada; na economía familiar de hoxe é un privilexio, aqueles que teñen a conta en cero non deben nada. Precisamente, para saír da nada hai que sumar e, se son números, convén antes de comezar borrar os negativos.


Yolanda Díaz quere sumar. Cando sexa o caso, quere que se enchan as furnas con votos seus, para si e para os seus, aínda que ela tampouco saiba cal é a suma que máis lle beneficia. Os que a acolleron en Pontevedra nas eleccións pasadas, serán dos seus, igual que todos os de Pontevedra que acolleron ao rei en Sanxenxo son do rei.


Andan os dous sumando, están coa rede, no mesmo caladoiro, esperando, escoitando e coas cabezas pensando. Están botando contas coa calculadora, co lapis, de memoria e cos dedos.


E as contas non saen, cada un deles apalpa a soidade coas mans, o que foi rei ten moito que restar e a que foi de Esquerda Unida ten pouco para onde mirar.


Os amigos de cada un deles, coa axuda do Goberno ou de parte do Goberno, procurarán abrir camiño, desbrozar, rozar e limpar o paso, para que poidan chegar a onde queren ir. A Yolanda non se sabe quen, pero ao rei moito lle axuda ese mozo ministro que se explica sen pelos na lingua. 

Sen pelos na lingua

Te puede interesar