Segundos eternos

Estaba na cima do monte pasmoneando e observando as nubes que permanecían quietas ou que se movían lixeiramente, creando figuras de extraordinaria beleza e cambiando de cor cada instante, naquelas longas tardes despois da invernía.


No seu maxín estaba dándolle voltas á importancia do tempo, que corría lentamente cara á noite, cara aquel ceo de estrelas que tanto lle gustaba e que lle permitía seguir paponeando, un minuto e detrás outro, unha hora e outra.


Tarde e noite, devagar, agardando pola madrugada, para que chegaran, outra vez, as nubes, a tarde e a noite.


Así desfrutaba aquel home do tempo e da natureza, daquel tempo que nin era moito nin era pouco, e da natureza en acción permanente, mentres el soñaba. Sabía ben da duración dun minuto, segundo as ocasións e as circunstancias, da importancia de dez segundos antes ou despois. Apalpaba coas súas mans as características terapéuticas da natureza e fuxía correndo, escapaba do insensato uns segundos antes, se era posible.


Sabía que a natureza merece coidado, cariño, aprecio e obediencia, antes de nada e despois de todo, en tódolos instantes, sen escusa, sen desculpa e sen pretexto. A natureza manda e os homes deberían axudarlle e chegar a tempo para aprender dos seus ditados.


Pero o tempo pasa voando, sen parada e sen refreo, e a humanidade queda pendente doutros segundos, que poden ser eternos ou durar menos do que dura un sopro, como o que dura o presente. Un segundo é o que se tarda en apertar a tecla para votar, o gatillo dun fusil ou de calquera das armas de destrución masiva. Un segundo non é nada ou pode selo todo.


Chegou dez segundos despois de que fecharan a porta, volveu e, por dez segundos, non poido subir ao último autobús daquel día.


Foise andando, pensando e reflexionando sobre o moito que se perde nuns segundos e como cambia a vida nun instante. Ao mesmo tempo, os lectores saben que hai instantes ou segundos que son eternos, que duran toda unha vida, que permanecen na memoria e aí están dando folgos para arrastrar o pasado.


E que é o pasado? Seguramente teña razón a Tía Manuela, “aqueles instantes que cadaquén quere lembrar e contar aos seus netos”, aínda que, como di o refrán “auga pasada non move muíños”. Uns segundos son tempo dabondo para reflectir o pasado de calquera, incluso o pasado dunha sociedade con séculos de historia.

Segundos eternos

Te puede interesar