A sanidade galega en crise

Ao mesmo tempo que a nosa comunidade rexistraba esta semana a maior cifra de pacientes hospitalizados con COVID desde febreiro de 2021, dimitía o xefe de medicina interna da área de Santiago de Compostela e Barbanza denunciando falta de recursos. Non é unha decisión persoal, nin unha xubilación como se intentou disfrazar desde a Consellería de Sanidade, é a constatación de que os servizos hospitalarios están desbordados. 
 

O xefe de medicina interna de Pontevedra-O Salnés advertía tamén nestes días que o número de facultativos de reforzo, o dimensionado do servizo en persoal e a propia xestión da pandemia, tiña sido e segue a ser insuficiente e inadecuada. 
 

No mes de maio era a xefa de medicina interna do hospital Ourense a que dimitía tras asinar todos os médicos do servizo un documento no que alertaban de que nas condicións actuais non podían garantir a seguridade dos pacientes nin a calidade asistencial. 
 

Non estamos ante motivacións persoais nin feitos illados, esta cadea de dimisións e denuncias pon de manifesto que a atención hospitalaria está en crise, que faltan recursos e que os profesionais son incapaces de garantir a calidade do servizo aos pacientes. 
 

Mais a crise non está só na atención hospitalaria chega tamén á atención primaria, como pode comprobar calquera que precise ser atendido polo seu médico de cabeceira. E chega porque. como denunciaba recentemente a Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública, Galicia é unha das catro comunidades que menos parte da súa inversión sanitaria dedica a atención primaria apenas un 11,96% dos recursos, 2,2 puntos por debaixo da media nacional. 
 

A crise sanitaria é estrutural e non se soluciona con promesas de incrementos salariais nin bonos turísticos, o que reclaman os profesionais son recursos para a estabilidade máis persoal que poda traballar e mellor organización. O goberno de Pedro Sánchez acaba de aprobar a estabilización de 67.000 profesionais sanitarios, que está a facer Alfonso Rueda en Galicia?

A sanidade galega en crise

Te puede interesar