A ruleta na sanidade

A ruleta é xogo de azar no que se trata de acertar en que punto se deterá unha bóla que xira, coa súa dinámica aleatoria, nunha operación na que a probabilidade de éxito dunha aposta ten unha posibilidade moi escasa de acertar; e, pola contra moi alta de perder. Por iso, co nome de “ruleta rusa” falamos dunha práctica potencialmente mortal na que aínda colocando unha soa bala dentro dun revolver, entre os seis ocos existentes, e mesmo xirando o tambor aleatoriamente a probabilidade de acabar cun proxectil metido entre os miolos é cousa de altísima certeza. Velaí a metáfora que resulta máis acaída a deriva sanitaria, froito das políticas de recortes e privatización.


Por iso, perante a conmemoración do pasado Día Internacional da Enfermeira e da Enfermaría, sumada á que será, o próximo 19, a do Día Mundial do Médico de Familia, debemos reparar na deriva que, aquí nos servizos do SERGAS, están a soportar os profesionais da sanidade a que, polo curso da cadea, rematan padecendo as e os doentes, usuarios dun servizo público que, facendo uso da retranca, por algo somos xa considerados “pacientes”; e dicir, “persoa que é obxecto dun exame ou dun tratamento médico”. Palabra sinónima de “listas de espera”.


Así, cinismo político é facer actos solemnes de recoñecemento e mesmo outorgar medallas de honra ao persoal sanitario pola súa heroica entrega nos peores días da pandemia do coronavirus, motivadores do aplauso popular en fiestras e balcóns no serán das tardes do confinamento, para ver agora como se quebraron os compromisos, mesmo parlamentarios, aproveitando xustamente a evolución da pandemia para, a xeito de coartada perfecta, levar a cabo medidas organizativas inicialmente provisionais que agora teñen visos de acabar definitivas. Entre elas, a concentración en determinados centros das urxencias, a implantación da atención médica telefónica e outras que, aceptábeis no marco da gravidade do andazo vírico, non son de tolerábeis xa a día de hoxe.


Daquela, o SOS en favor da sanidade pública é necesidade urxente que leva a esixir na rúa a urxencia de modificar radicalmente as políticas sanitarias de fan da comunidade galega a última das estatais na dotación de recursos á Atención Primaria, causa da emigración de profesionais a lugares de mellor trato laboral e, no pasivo da atención sanitaria, a non cubrirse as ausencias de xeito que un mesmo usuario, en función da cobertura médica de quenda, sexa atendido cada vez por facultativo diferente, Situación laboral grave que soportan todos o profesionais sanitarios. Non aprendemos a lección da Covid-19, mágoa. Agoira repetición futura. A ruleta é xogo ruinoso.

A ruleta na sanidade

Te puede interesar