A primavera esvaecida

Esvaecer é verbo transitivo que nos fala de diminuír a intensidade de algo; e mesmo no sentido figurado vai alén diso e dinos que é sinónimo de facer desaparecer unha cousa inmaterial. Como verbo pronominal, aparte de indicar a perda de coñecemento, reitera ese aspecto da cousa que desaparece pouco a pouco, ou simplemente da cousa inmaterial que desaparece sen máis.


Palabra pois ben acaída para abordar a metáfora dunha primavera que é verso en Neruda, na súa sentencia “poderán cortar as flores, pero non deterán a primavera”. Non sei eu. Moito é de temer que malia a evidencia científica, a razón do ecoloxismo activo e mesmo a propia subsistencia da humanidade non son quen de frear o demoledor efecto destrutivo que causa a cobiza mercantil á hora de dilapidar os recursos naturais en proveito do seu lucro. Porque, a primavera está a desaparecer gradualmente ante os nosos ollos. Pero non se trata dun fenómeno natural. A primavera está a ser silenciosamente liquidada. Abril con temperaturas de xullo, encoros con niveis de verán, chans e vexetación reseca que arde sen control en marzo. Regadíos que espremen a auga subterránea comprometendo a biodiversidade de parques naturais. Estamos quedando sen estacións por ignorancia, por prepotencia, por exceso de optimismo, por falta de sentidiño.


Imos subidos na trepidante locomotora da historia, que cada vez acelera máis e máis, ata o punto de volver a aumentar o uso de carbón. E esa locomotora vai tan rápido que cada vez ten menos estacións onde parar. E nada bo é o que lle ocorrerá a unha locomotora que apenas ten onde parar e que cada vez ten menos combustible. Teriamos que estar a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro a toda velocidade, pero parece que o único que colle impulso é a inercia, unha inercia que nos leva inexorablemente cara ao final do traxecto. Directos á extinción da especie.


Sabemos que nada crece eternamente no universo. Porén, con máis e máis literatura científica respecto da necesidade de abandonar o crecemento como meta, e mesmo que organismos internacionais, numerosos expertos e aínda algúns dirixentes políticos están a perder o medo para falar diso, é curioso ver que a resposta é negar a maior e seguir emperrados en manter esta idea suicida, ata para o propio desenvolvemento económico. A do crecemento a toda costa. Así, a primavera estase a esvaecerse. Logo caerá o outono. Ata que quedemos sen estacións estables.

A primavera esvaecida

Te puede interesar