Petroleiras: como lucrarse co mal alleo

A guerra de Ucraína explica, sen dúbida, a tendencia inflacionista que afecta a determinadas materias primas e alimentos. É certo que existe unha suba do prezo do gas en orixe como tamén é certo que existe unha suba do prezo de determinados alimentos pola redución de oferta coas conseguintes tensións no mercado. Mais existen tamén determinados actores que, agochados tras o relato da guerra de Putin, aproveitan o contexto para subir exponencialmente a súa facturación a costa dos petos dos cidadáns e mesmo dos estados. En novembro do ano 2008, coa galopante crise financeira, o barril de Brent alcanzaba un dos seus máximos históricos, situándose cerca dos 144 dólares. Esta semana ese mesmo barril cotizábase a 106 dólares nos mercados internacionais, é dicir, cerca dun 50% menos que entón. Sen embargo, o litro de gasolina de 95 octanos custaba no ano 2008 1,1 euros, mentres que hoxe os cidadáns o pagan practicamente ao dobre. ¿Como é posible que si a materia prima custa moito menos, o refinado custe moito máis? Por desgraza, a explicación é sinxela: nun tempo de grande incertidume internacional, na que os gobernos e os cidadáns teñen problemas máis que suficientes aos que facer fronte, as grandes multinacionais petroleiras, incluíndo as españolas, están a vivir un momento especialmente doce, coa conta de resultados subindo en vertical e engrosando os beneficios para satisfacción dos accionistas e para quebranto dun Occidente atribulado. As multinacionais do sector seguramente actúan dentro da legalidade, mais unha cousa é a lei e outra o xuízo que os cidadáns poden facer do que está a acontecer. É legal tamén bordear a usura, e é legal tamén a especulación pura a dura co único fin de maximizar os beneficios. Pero non é lexítimo que amparados na busca dun beneficio desmedido determinadas compañías non dubiden en tensionar a economía de países enteiros contribuíndo ao empobrecemento dos cidadáns e mesmos de estados coma o noso, que está a dedicar milleiros de millóns de euros a subvencionar os combustibles para facer fronte ás subas inxustificadas dos carburantes. Nos períodos máis turbulentos da nosa historia sempre houbo actores que sacaron vantaxe dos males alleos. É lamentable que nun momento no que Occidente afronta seguramente un dos seus maiores retos, teñamos que sumar aos problemas máis alá das nosas fronteiras os creados artificialmente dentro. As veces as mans invisibles dos mercados amosan a cara do capitalismo salvaxe, sen normas nin regras, deixando en evidencia os límites que teñen moitas veces os Estados. Hoxe máis ca nunca precisamos políticas que protexan ás clases medias e traballadoras fronte os abusos dos emporios económicos que operan sen regras. É tempo de defender máis que nunca o espazo colectivo.

Petroleiras: como lucrarse co mal alleo

Te puede interesar