Océanos, vida e sustento

 O planeta que habitamos, a Terra, é territorio prestado. Razón pola que, aínda a risco de resultar un pesadelo por reiterativo, é xustificable tomar todas e cada unha das lembranzas a xeito de días conmemorativos coa dimensión teórica formal de internacionais, mundiais ou do ámbito territorial que sexa, para lembrar por activa e por pasiva que, coa cobiza dos negocios, a insensatez das políticas diplomáticas, a inxustiza do reparto da riqueza e o conxunto da acción irresponsábel dos seres humanos, imos polo camiño de abocarnos á temida extinción da civilización tal e como a coñecemos ata este momento da historia. Daquela, que por chamadas de atención non quede pendente petar na suposta intelixencia das persoas para mudar de raíz a deriva límite da situación.

Nesta ocasión, coa celebración do Día Mundial dos Océanos, unha data establecida pola ONU co obxectivo de recoñecer a importancia que teñen estas masas de auga no planeta. Aquí, vai toda esa vida que desagregamos en océanos, mares, e mesmo espazos de ríos e lagos, grandes extensións de auga, nos que existe vida e diversidade equivalente, espazos de ambiente líquido nos que está contida a máis grande parte da biodiversidade da Terra. Sabemos que os océanos son o principal pulmón do planeta, xa que son os responsables de xerar gran parte do osíxeno. Na súa función natural dáse un proceso de filtración e purificación do aire. Ademais, dannos de comer grazas as miles de especies animais e vexetais que, sendo esenciais para que exista un equilibrio ecolóxico, representan ademais a grande despensa de proteína no sustento dos seres humanos.

Mágoa é que a xeito de metáfora da desfeita ecolóxica un elemento en común entre o punto máis profundo do océano, a fosa das Marianas, e o pico o pico máis alto do mundo, o monte Everest, a pesar de figurar entre as contornas máis inaccesibles do planeta, ambos conteñen diminutos anacos de plásticos orixinados a quilómetros de distancia. Alarmante constatación do dano que a través dos anos, o modelo de desenvolvemento económico e social imperante no mundo actual, causa da cobiza dun capitalismo salvaxe con obxectivos de riqueza a curto prazo, vén provocando un dano irreparábel aos mares e océanos. E non so a este ámbito medioambiental.

Por iso, cada ano son miles as especies de plantas e animais extinguidas debido á grande cantidade de desperdicios e axentes contaminantes que son guindados nas augas de ríos e mares; sen que ata o momento se teñan tomado medidas suficientes para evitar a desaparición de grandes ecosistemas mariños que morren por iso. “Revitalización: acción colectiva polo océano”, é a chamada de lamento última.

Océanos, vida e sustento

Te puede interesar