Muda do patrón alimentario

sabemos que os prezos dos bens iniciaron unha espiral alcista en febreiro de 2021, fai por tanto agora dous anos xa, nun primeiro momento impulsada polas restricións e pescozos de botella nas cadeas de valor, tanto como consecuencia das restricións nas industrias e sobre todo nos portos marítimos pola Covid-19, como polo forte crecemento da demanda ante a recuperación no consumo e a necesidade de repoñer inventarios que estaban en mínimos. Esta situación complicouse enormemente coa guerra que se está a librar nas terras de Ucraína que afectou os prezos dos produtos agrícolas e aos fertilizantes, e despois ao gas e á electricidade. Un mal que vai por barrios.


Así, a escalada de prezos da cesta da compra, que nos dous últimos anos alcanza un aumento ponderado do 21% e outro do 6,7% en termos de media no que se refire á neveira e á despensa segundo os datos do INE, o estatal Instituto de Estatística, provocou un esborralle do consumo dos principais alimentos frescos que entraña claros riscos de deterioración da dieta, especialmente nas familias con menores recursos económicos e, en consecuencia, menos capacidade para adquirilos. Dito en prata: A inflación provoca unha caída do consumo de carne e peixe que incide na saúde das rendas máis baixas. Para que fique claro: O bienio inflacionista ten provocado un cambio de pautas alimenticias que supón riscos para a saúde en función dos produtos substitutos elixidos para os alimentos básicos, en troque dos que se deixan de comer polo seu elevado prezo. Porque non é o mesmo que restrinxa o consumo de determinados alimentos alguén que ten recursos para manter unha dieta equilibrada que alguén que xa se atopa no límite dese equilibrio, coas consecuencias que iso pode ter para a saúde. Chove, sempre chove na casa do pobre. Unha e outra vez.


Para constatar o antedito, velaí o último informe mensual do Ministerio de Agricultura que revela como nos dous últimos anos, coincidindo coa escalada inflacionista e unha fase simultánea de conxelación salarial, producíronse descensos superiores ao 20% no consumo de carne, de máis do 12% no de peixe, de en torno ao 10% no de froitas, verduras e hortalizas.


A iso engádeselles outra do 18,8% en aceites e graxas, algo que apunta a un maior uso de comida precociñada, desfeita acusada do patrón clásico na que só  libran os ovos, como fonte de proteína, ante a redución do resto das de alimentos frescos. Todo iso, incrementado polo efecto dos movementos especulativos que fornecen o negocio da distribución e das cadeas de venta ao consumidor. A río revolto, xa sabemos quen gaña. Hora é de poñer coto, por xustiza social e saúde.

Muda do patrón alimentario

Te puede interesar