Montaña rusa

A montaña rusa é, alén da súa forma física como proposta lúdica, unha potente metáfora da vertixe. Si, desa sensación de perda do equilibrio e de caída que senten certas persoas ante o baleiro; e tamén do medo e temor que causa no ámbito social. Moito ten a ver coa situación que se vive no continente europeo, e por extensión en toda a orbe planetaria, nos tempos de hoxe en día.


Porque estamos nunha real guerra mundial, e non é a que se libra no territorio da Ucraína, que tamén é sen dúbida unha guerra atroz, senón que é realmente todo o relacionado cos recursos básicos, a enerxía, a alimentación e, especialmente, co benestar psicolóxico; e dicir cos dereitos humanos negados de igualdade, liberdade e digna calidade de vida para todo o mundo.


Se, ao antedito, sumamos que aumentan as malas noticias desoutro conflito que libramos salvaxemente en contra do medio ambiente natural, con cada día novas evidencia de trastornos no clima, a multiplicidade vital e a alteración do ciclos meteorolóxicos; é pedir: Apaga e vámonos.


Lembremos que unha montaña rusa é un tipo de atracción baseado nun sistema de raís que forman unha ou varias vías que soben e baixan en circuítos deseñados especificamente para deslizar os vehículos a xeito de vagóns que van subindo paseniñamente tirados por unha cadea e descenden polo efecto da gravidade, provocando unha aceleración co obxectivo de divertir e asustar aos pasaxeiros; mesmo facendo un xiro que que os deixa cabeza abaixo por un curto período de tempo para facer máis intenso o efecto de choque.


O paradoxo histórico da súa orixe como atracción de feira está nun modelo pioneiro construído nun parque de Nova York, no que decidiron bautizala así á vista dunha diversión invernal rusa onde existían grandes tobogáns de madeira que descendían en brincadeira pola neve.


Para os rusos, sen embargo, é “montaña americana”. Niso vese que o de devolver a pelota ao contrincante, en eles, é cousa con historia.


Así e todo, no medio desas múltiples catástrofes que rodean ao conflito que esnaquiza ao pobo ucraíno, incluída a da non rematada pandemia sanitaria que ten ese comportamento de suba e baixa inquietante, ábrese unha fiestra á grandiosidade da solidariedade colectiva.


Cando alí non choven proxectís capaces de matar, senón tamén alimentos, medicinas, transporte, aloxamento, recursos económicos, consolos, abrazos e fraternidade, podemos confiar na condición humana.

Montaña rusa

Te puede interesar