A mellora das condicións laborais non é unha utopía

Un dos mantras máis repetidos polos partidos conservadores ten que ver coa regulación do mercado laboral. Segundo esa ideoloxía existe unha especie de fatum segundo o cal a única vía para a salvación da economía e a xeración de riqueza pasa pola degradación das condicións laborais da clase traballadora.


Os gurús do libre mercado entenden que o emprego tense que axustar á lei da oferta e da demanda, equiparando as condicións laborais con calquera outra mercadoría. No fondo, a súa proposta ideolóxica xira en torno a unha hipótese: que só é posible dinamizar o mercado laboral desmantelando os dereitos dos traballadores que tantos anos costou conquistar. Os socialistas levamos moitos anos defendendo outra forma de facer as cousas e poñendo en práctica políticas que demostran que é posible todo o contrario: fomentar á creación de emprego salvagardando os dereitos laborais. No primeiro cuatrimestre deste ano en España asináronse 1.767.836 contratos indefinidos, no mesmo período do ano pasado foron 627.893. No 2019, por contrastar cun ano previo á pandemia, foron 704.846 no mesmo período, menos da metade que no 2022. A mellora substancial na contratación indefinida non xurde por arte de maxia, xurde despois da aplicación da reforma laboral impulsada polo actual Goberno e que supuxo, só no mes de abril, un incremento do 325,8% en dita categoría de contratos con respecto ao ano pasado.


Non só melloran as cifras globais. Este mesmo Goberno foi tamén o que subiu o salario mínimo co evidente obxectivo de mellorar a calidade de vida dos que menos gañan. Dentro das políticas conservadoras tanto a contratación indefinida como a suba so salario mínimo son dous tabús. No seu argumentario, esas dúas figuras son o xerme do desmantelamento da economía. Mais os datos veñen demostrar que a realidade é moi distinta, e que se pode mellorar a calidade laboral sen conflitividade coa empresa, tirando igualmente da economía cara a un país máis xusto e tamén máis puxante. Para os socialistas é preciso sempre buscar un equilibrio na economía entre as condicións de vida e as leis do libre mercado. Porque por moito que outros digan, non é posible un crecemento económico digno de tal nome se este deixa a amplas capas da poboación no camiño. O Goberno de Pedro Sánchez vén de demostrar que a regulación das políticas laborais non só non é perniciosa para o sistema, senón que resulta desexable, útil e positiva para a sociedade. Outros seguirán a defender outro modelo, mais terán que explicar algún día a que intereses serven. Os de este Goberno, queda claro, son as persoas.

A mellora das condicións laborais non é unha utopía

Te puede interesar