‘Manancial de sombras’, de Xilio García Rivas

Fundación Luis Seoane acolle ata o 9 de abril a mostra “Manancial de sombras” de Xulio García Rivas ( A Golada, Pontevedra, 1947), na que, unha vez máis, regálanos a súa poética visión dos prodixios  que nos rodean, por medio da fluínte alegoría das sombras, que continuamente se transfiguran por efecto dos contrastes da luz, desta maneira abre fírgoas cara ós misterios do invisible. Por medio de escorregantes e vaporosas aguatintas  configura  un inesgotable  multiverso de maravillas, achegándonos aos umbrais do ser e deixándonos asombrados, é dicir, tocados por irradiantes lóstregos. A paisaxe, respirada e vivenciada íntimanerte, é o pretexto para viaxar polos paraísos anceiados e polas mestas espesuras da multiforme árbore da vida; as formas da natureza son as que, en parte, lle sirven de inspiración, pero  él tradúceas en ideacións transformadoras da súa mente e das arelas da súa alma, por medio dunha caligrafía persoalísima, só cunha linguaxe metafórica e metamórfica pode dar forma ás vastas latitudes que o seu maxín enxerga e que teñen a súa fonte nas inmedibeis enfonduras da psique que son parellas das dimensións da noite cósmica. Servíndose dun xestualismo controlado que, en parte, pode emparentarse con informalismo, consegue que as manchas se transformen en ritmados arpexos que suxiren configuracións nocturnas, lusco fusco de solpores, nubeiros vagantíos, fervenzas escumosas ou bosques en penumbra, aí danse cita todas as forzas transmigradoras da terra e do ceo que se multiplican en suxerentes figuracións no límite entre o figurativo e o abstracto. Para tratar de expresar o fluir constante da vida, a lei heraclitiana do eterno pasar, debuxa desdebuxando, servíndose de levedantes trazos, liñas e manchas que deixan no ar un latexo fuxidío, un alento etéreo, un inasible voo de paxaros. Cada vez máis próximo do esencial, sírvese de medios mínimos, como os contraluces e contrastes de negros e brancos; fai abrollar, así, xardíns de frores inéditas, achégase ás polifonías da música ou crea sinestésicas sinfonías, como no gran mural “ O que se escoita na montaña”. Con augadas de tinta, acuarela e acrílico mui diluído abre os arcanos do ser, abraza a inmensidade e debuxa correspondencias entre o de arriba e do abaixo, enfronta a luz coas tebras, e, con emocionado lirismo, achéganos ao grande enigma xenesíaco e ás beiramares do espíritu, Tal como sucede coa pintura taoista, que él tanto admira, o, pincel, manexado coa elasticidade do bambú, “segue ao corazón”; deste xeito, atinxe a traducir o poder que impregna a creación enteira e, ao mesmo tempo que abre as dimensións do inconmensurable, ve a alma da montaña, da auga, da árbore, da ave....e acolle  todo o que está marcado pola fraxilidade: ala, pétalo, folla, flor... A súa obra emerxe como a vida: libre, transformadora, multípara. Decía Lao Tse que “ o tao luminoso parece escuro”; desde paradoxo falan as obras de Xulio G. Rivas  que son como respiracións da alma correndo engaiolada tra-los ríos de luz.

‘Manancial de sombras’, de Xilio García Rivas

Te puede interesar