Liberdade fugaz

Sen pena algunha e con total ausencia de gloria, o pasado sábado, once de febreiro, conmemoráronse os 150 anos da proclamación da Primeira República española. Un aniversario que o é tamén da única República federal, debido a que se o 11 de febreiro de 1873 proclamábase a Primeira República, o 8 de xuño declarábase a República Federal e, o 12 de xullo de 1873, a revolución cantonal expuña que a única posible era a República obreira e campesiña, e ao levar a cabo esta revolta desde distintos territorios, enfocábase coa perspectiva dun acordo posterior entre estes. Desafortunadamente, o esquecemento selectivo e a hexemonía monárquica soterraron un legado potencialmente revolucionario. 
 

Tempo é pois de aproveitar a ocasión para reivindicar este acontecemento histórico. Porque na península Ibérica a historia republicana é, en boa medida, a historia das clases populares, e 1873 é un momento culminante do seu poder revolucionario no século XIX, tal como o é a Comuna de París de 1871 para Francia. Non podemos esquecer que a República de 1873 chegou polo esgotamento dunha «Monarquía Democrática», como se consideraba o reinado de Amadeo I, incapaz de achegar solucións que se diferenciasen da fracasada dinastía borbónica. As guerras imperiais en América Latina, o negocio co tráfico de escravos en África, o desafiuzamento de campesiños polo latifundismo e a explotación dos traballadores pola burguesía, foron os puntais da monarquía de Isabel II, e tamén  da de  Amadeo.
 

Así, a Primeira República foi proclamada por unhas Cortes de orixe maioritariamente monárquicas ante o fracaso do intento de concertar monarquía e principios democráticos. Estes feitos producíronse no contexto do chamado Sexenio Democrático, o primeiro intento de construír unha alternativa democrática tras a corrupta monarquía. Unha certa carambola histórica que se simplifica nun discurso parlamentario: “Con Fernando VII morreu a monarquía tradicional; coa fuga de Isabel II, a monarquía parlamentaria; coa renuncia de Amadeo I, a monarquía democrática; ninguén acabou con ela, morreu por si mesma; ninguén trae a República, tráena todas as circunstancias, tráea unha conxuración da sociedade, da natureza e da Historia”. Un tempo de liberdade que se prolongou durante once meses ata o golpe de estado do militar Pavía, o 3 de xaneiro de 1874. As Cortes republicanas foron canceladas e implantouse a ditadura de Serrano que se traduciu nun simple paso previo á restauración borbónica tras outro golpe militar, o do 29 de decembro de 1874.
 

Foi unha experiencia curta de catro presidencias, coa tensión latente entre manterse fiel ao concepto dun sistema como un proxecto de sociedade baseado na igualdade política ou manter unha orde social tradicional. Debatida, tamén, entre facer unha República unitaria que beneficiaba ás elites tradicionais; e a federal, descentralizada e con maior control popular. Unha estrela fugaz.

Liberdade fugaz

Te puede interesar