Jorge Llorca, na galería La Marina

Jorge Llorca ( Ferrol, 1952) trae a galería La Marina-José Lorenzo a súa obra mais recente, que titula “Os días do Eirado”, na que recolle visións e vivencias das terras de Doniños, onde ten o seu “locus amoenus” ou lugar feliz, dende a década dos 70. A súa exitosa carreira pública iníciase en 1973, sendo aínda estudante de Belas Artes en San Fernando, e foi pasando por diversas etapas nas que sempre deu mostra do seu grande oficio e sensibilidade exquisita, que demostrou tamén no eido da poesía e da narrativa.


Trátase, pois, dun artista total, con un rico universo interior que foi evoluindo cara un progresivo despoxamento; desde as animistas paisaxes das “Cañotas da Croa” de 1977, ás encantadas e un tanto chagallianas pinturas dos 80, nas que da canle a unha especie de realismo máxico, e os Xardíns secretos dos 90 que teñen por protagonista á Eva edénica, ata as lixeiras sementes de finais do 90 e do 2000, que dedica a Mondrian, a Morandi, a Tanizaki....Chegou, así, ata as paisaxes espidas, que agora presenta, nas que a verdadeira protagonista e unha morna e agarimante luz, que xa se agoiraba no fermosísimo cadro de 1998 “Un día en Penencia”.


É unha luz de beiramares azuis e de infinitos espazos de silencio e de acougo contemplativo, abalados por leves e fuxidías auras, por rastros de baixamares, por ecos de ondas que se perden nos horizontes, por lenes nubes que son apenas como riscos pasaxeiros no ar.


Todo é inmensidade e espazo aberto, no que terra, mar e ceo se funden en un, borrando as distancias, para achegar ensoños do alén. Os límites case desaparecen e as formas debúxanse abertas a toda posible configuración, máis achegadas a abstraccións polimorfas, a viaxeiras e aéreas ansias, que a contornos limitados. J. Llorca transforma todo en figuracións encantadas, en respiracións de ribeira que pasan como lampos, deixando agarimos como ás de avelaíña ou bolboreta; pois non quere copiar, senon cantar a cantiga sempre renovada do milagre dun amencer, seguir os anónimos rastros que deixa na area a baixamar e os ronseis que se perden na lonxanía ou recoller o murmurante misterio das brétemas.


Tamén quere deixar testemuña da saudade encantada que queda nos ollos cando se empapan de tan gratuita beleza, por eso pinta en todas as gamas posibeis de harmónicos e delicados azuis , mesturados de gaseosos e evanescentes grises ou apagados verdes. Porque todo nesta obra é tránsito, instante maravilloso e revelador, beleza fuxidía que nace da luz a se erguer cada mañán nas praias do Eirado. 


Llorca foi afinando a súa creación para que o que foi nun tempo xardín íntimo, bosque recóndito, se transformase en fiestra ou portal de paso para ás cósmicas arelanzas, infindo aberto cara ignotas dimensións.


A todo isto, aporta a novedade das esculturas de mans intervidas que agariman froitos, sosteñen sementes, xogan con paus...e lembran que son elas as intérpretes dos arcanos. Sitúanos, así, outravolta, ante a eterna pregunta e o asombroso prodixio da fluínte e reveladora luz.

Jorge Llorca, na galería La Marina

Te puede interesar