Galicia é un (marabilloso) invento

Estamos nas vésperas do Día Nacional de Galicia (como o define o noso Estatuto), así que me tomo a confianza de lembrarlle, querido lector, que vivimos nunha era de absoluto control, así que todos os que utilicedes as redes sociais andar atentos, quizais uns ou outros non lle expendan o carné de bo galego. Ollo aí. Os que gardan o caliz como o vello aquel da primeira peli de Indiana Jones non aceptan que se poida selo de forma completa sen saberse as palabras secretas. 
 

Hainos que pensan que para pertencer á túa propia comunidade cómpre ser distinto á gran maioría. Se todos aceptamos como nosa a bandeira da franxa azul con fondo branco, eles engádenlle cousas, por exemplo unha estrela.
 

Batallas culturais que, nunha parte do arco político, pouco axudan a que as ideas pensadas para o conxunto da poboación que defende o galeguismo progresista cheguen aos seus receptores, predispostos a relacionalas co que non son. Ese proxecto semella lastrado polo efecto caricatura que provocan unha parte dos seus veciños (ás veces ata entre os que comparten piso), reducindo a transversalidade das aspiracións que celebramos todos -e non só 5.000 persoas- este 25 de Xullo. A nova batalla cultural neste campo lévanos 15 séculos atrás, nada menos. Trata sobre a reivindicación do Reino Medieval de Galicia. Nada que obxectar no que ten que ver coa difusión histórica ou a inspiración para vídeo-xogos, ao contrario. Pero este revival ten un obxectivo político de fondo difícil de compartir desde a esquerda. Porque as nacións -ou nacionalidades, que é a definición legal de Galicia- nacen como as coñecemos coa Ilustración, no caso galego coa derivada romanticista. Ou sexa, a Galicia actual ten a súa orixe na segunda metade do século XIX, incluso nas dúas primeiras décadas do XX. Con España pasa algo así, a súa aparición podemos situala na Constitución liberal de Cádiz de 1812. Por iso cando a dereita española rexeita ese referente e acode aos Reis Católicos como pais fundadores parece dicir que prefire unha era de feudalismo a unha de liberdades, algo que, polo que se ve co Reino Medieval de Galicia, tamén é a opción dun sector - minoritario- da esquerda galega, o nacionalista ortodoxo, que intenta así enviar a mensaxe conservadora de que formamos parte dunha “nación natural”, algo que non existe: todas, absolutamente todas recollen elementos anteriores pero son inventadas. Natural é unha árbore ou unha pedra, non unha nacionalidade.
 

Pero existen. E xusto por iso son marabillosas, porque hai que coidalas día a día, para que teñan futuro. Sabíano os galeguistas de hai século e medio, nin se lles pasaba pola cabeza aos reis do Medievo. 
 

Feliz Día Nacional de Galicia.

Galicia é un (marabilloso) invento

Te puede interesar