O foguete e a pluma

Cos prezos desbocados chegando á fronteira diso que os economistas chaman incremento de dous díxitos; e dicir, que rozan xa o dez por centro de aumento, ollando para o dato fornecido polo informador estatístico, INE, na referencia á media avanzada en días pasados, sobre unha cesta que vai alén do consumo común dos sectores populares da sociedade aos que afecta aínda moito máis intensamente o teimoso proceso da inflación crónica. Este incremento disparado dos prezos, o máis alto dos últimos trinta anos, fai que galegas e galegos, sobre todo as persoas máis vulnerábeis e con menos recursos, sufran a crise con máis intensidade.


A cotiá barra de pan, o litro de combustíbel ou o quilovatio da luz e outros bens básicos na alimentación e nos servizos, custan o mesmo sen mirar para o nivel de renda do comprador. E isto vén de lonxe, era algo previsíbel e sabido, sen que poda cargarse só á guerra librada no territorio ucraíno.


Aquí, no país galego que habitamos, nesa cadea da que todas e todos formamos parte na produción e consumo de bens, a situación agrávase ao transvasar o custo da enerxía, dos combustíbeis e das materias primas ao sector pesqueiro, ao agrario e á industria que dota de valor a súa produción, e aínda máis á industria que depende do comercio exterior por vía marítima ou de estrada, pola carencia de transporte ferroviario, polo abusivo das peaxes e pola maneira de habitar o territorio en poboacións dispersas que incrementa o gasto na distribución. Peor aínda, nunha especie de maldición bíblica, é a dependencia de acordos e decisións política tomada fóra, contrarias ao noso interese de pobo diferenciado e singular. Sempre en favor dos oligopolios.


Sen dúbida, unha das subas máis escandalosa é a da electricidade que ultra dobrou o seu prezo no último ano, no entanto soportamos as consecuencias medioambientais da súa produción, hidráulica ou eólica, vendo como as subministradoras ganan lucro cos “beneficios caídos do ceo” do sistemas de fixación de prezos que resulta o máis inxusto, arbitrario e abusivo que poda darse.


E se de diésel ou gasolina falamos, queda probada esa teoría dos “efectos do foguete e da pluma” porque suben como a espuma e baixan a paso de procesión lenta, sexa cal for o prezo na orixe. Metáfora do real decreto-lei de medidas urxentes fronte á crise de prezos. Pan para hoxe, fame para mañá?. Nin iso.

O foguete e a pluma

Te puede interesar