Fenda salarial e temporalidade

Fenda é esa abertura ou separación alongada dunha cousa. Sinónimo da palabra brecha, que achega varios significados entre eles o de ferida grande e fonda; e tamén o de ruptura pola que algo comeza a perder unidade e firmeza. Velaí a realidade do que amosa o actual estado da situación laboral das mulleres, da fenda salarial de xénero e, aínda máis grave se cabe, pola precaria calidade no emprego feminino causada pola temporalidade. Acentuada pola Covid-19.

Dous aspecto que cobran visibilidade social en documentos de rigor estatístico xurdidos dende ámbitos ben diferentes entre si. O primeiro, desde o sindicalismo nacionalista galego, no informe anual sobre a “Situación laboral das Mulleres en Galiza, 2011”, accesíbel na web da Confederación Intersindical Galega, CIG, no que constata o dobre custo que para as mulleres tivo a pandemia porque, por unha banda “víronse obrigadas a facerse cargo das persoas dependentes” e, pola outra, xa partían dunha situación máis precaria.


Clara fenda laboral e salarial de xénero, afectando negativamente ao dereito á igualdade que é recollida no Índice ClosinGap, un indicador elaborado a partir de cinco categorías e vinte e oito variables que elabora unha entidade privada impulsada por varias empresas punteiras do IBEX, que veñen a constar ese retroceso na desigualdade salarial e advirten que, por este camiño, a igualdade chegará en 2058.

Por iso, é momento para denunciar as condicións laborais, salariais e de vida que padecen as traballadoras galegas.


Este 8 de marzo, nas rúas e prazas do país lembrarase esta efeméride, que foi acordada en 1910 por unanimidade das activistas reunidas na Conferencia de Mulleres de Copenhague, a proposta de Clara Zetkin, precursora do movemento feminista que abandeirou a batalla a prol da igualdade nos dereitos de homes e mulleres, naquel tempo histórico mesmo impedidas de exercer algo tan elemental como o dereito a voto.


Momento de tensión sobre o papel das mulleres nas reivindicacións sociais, sindicais e políticas que foron abrindo camiño desde o 11 de marzo 1911, no que principiou modestamente en parte de Europa a celebración do Día Internacional da Muller Traballadora para centrarse na esixencia do dereito ao voto, o acceso das mulleres aos cargos públicos, á formación profesional e poñer fina a discriminación laboral por elas soportada.


Na traxectoria desta data reivindicativa, unha evitable traxedia laboral acaecida poucos días máis tarde da primeira conmemoración, concretamente o 25 de marzo de 1911, suceso no que morreron 140 mulleres nunha fábrica de camisas da cidades estadounidense de Nova York, polo seu colosal e lóxico impacto na opinión pública fixo que se convertera na memoria e recordo das celebracións posteriores, limitadas á consideración da muller no traballo ata que, finalmente en 1975, a Organización das Nacións Unidas fixou o 8 de marzo como Día Internacional da Muller, ampliando deste xeito o campo da reflexión.

Fenda salarial e temporalidade

Te puede interesar