Eólicos por toda Coruña

Na entrada do túnel dos Castros –mesmo sentido que a liña 1 cara o Castrillón– pode verse un pequeno cartel, que pide: “Eólicos, fóra das aldeas”. En realidade, di “Macro-Eólicos”, pero como entendemos que se refire aos grandes aparatos que xeran enerxía e non aos matasuegras de fin de ano, simplifiquemos en “eólicos”, macros por definición.


Falamos dunha lexítima protesta que leva anos no debate, especialmente en Galicia. Con todo, como os usuarios do bus urbano da Coruña disque tendemos a pensar en simple, o primeiro que reaccionei foi: “Se non se instalan no monte, ou directamente non se poñen –e destrozamos o planeta– a alternativa é… nas cidades!!”. A miña vocación institucional estivo a piques de facerme enviar un whatsupp á alcaldesa, algo tipo: “Eu pensaba que o papel da Coruña contra o cambio climático era o que dis de peonalizar, iso das urbes máis humanas, apostar polo verde e o transporte público, pero non, basta de covardía. O noso deber solidario está claro, abandona o proxecto do carril-bus en Juan Flórez, o urxente é instalar alí muíños eólicos”.


Non mandei a menxase. Quedei cavilando nunha terraza preto de casa. Na miña mente o proxecto de salvación ecolóxica mundial a base de aire cascarilleiro xa alcanzara barrios onde Éolo peta que flipas, como Os Rosales e O Ventorrillo, fillo do vento como o seu propio nome indica. Nese intre de creatividade desbordante ata imaxinei que, nun ano, desde os nosos edificios poderíamos pendurar directamente nas aspas dos eólicos bandeiras do Dépor coas que decorar con arte en movemento a próxima desfeita en Riazor. Todo ben.


Despois tiven que tomar un café con sal.


Á mañá seguinte, ao espertar, lembrei a necesidade de enerxía renovable, non por min –que tamén– senón da global, na que nos xogamos o mundo. Volvín á idea de que hai que instalala con xeito, pero toca facelo. Seguín comprendendo a moitos afectados, pero non tanto a quen desde un piso en General Pardiñas (Santiago) se nega en 2022 ao progreso, como se negaba en 1980 a unha autopista. Pensei nesa Xunta que só deixa facer ás empresas privadas, sen que apenas a nova industria deixe riqueza en Galicia, e que pouco coida os espazos naturais de referencia. Tamén me reconfortou confirmar que hai algunha forza política que aposta polas renovables, con visión de país semellante á miña. Tirei a conclusión de que estamos no tempo de apostar polo eólico, con poder público. E con xeito, tamén no Atlántico; mellor emitir menos gases que profetizar un suposto éxodo de rodaballos; son listos e seguirán existindo, como o bacallau non desapareceu do norte europeo por instalar alí off-shore.


Xa imaxinara o día antes que se digo isto, alguén respondería: “Non falas das incomodidades e perigos (?) dos eólicos nas aldeas!! Insolidario!!”. Pero resulta que eu –o insolidario coruñés cuxo primeiro recordo vital son as nubes de petróleo do Urkiola– estaba na rúa paralela a outra que, sen metáforas e para total tranquilidade, chámase “Oleoducto”.

Eólicos por toda Coruña

Te puede interesar