Ensalada híbrida

Se co substantivo ensalada falamos desa comida feita cun ou varios vexetais, xeralmente crús, cortados en anacos e condimentados habitualmente con sal, aceite e vinagre; para este título o adxectivo híbrida sáese das catro diferentes acepcións que para o vocábulo contén o dicionario da lingua, malia que leva parte de todos eles, para coller ese novo significado bélico anunciado agora, por esas persoas reunidas no cumio da OTAN que vén de celebrase en territorio madrileño; foro no que debateron e acordaron, en clave, a que países hai que agredir, cantas millóns de vidas humanas hai que arrincar, canto custarían as súas novas masacres, e canto recibirían cada un do botín. 
 

Velaí, coa inflación por riba do dez por cento, os combustíbeis que se precisan como ben básico para a mobilidade de vehículos a máis de dous euros o litro, guerra en Ucraína, e preto corenta persoas mortas ás portas de Melilla, recoñecidas oficialmente que na realidade poden ser moitas máis aparte das feridas, agora no cume da Alianza Atlántica din que hai que aumentar o orzamento militar. Fantástico. Si, para a poderosa industria militar que fará agosto con esta decisión. Abofé. Porén, a trampa do relato a vender repara no poder da palabra. Daquela enténdese a obsesión por mudar a expresión de “ensalada rusa” na carta de servizo da cafetaría do recinto feiral que acolleu aos mandatarios da política occidental e trocala en “ensalada tradicional” malia non variar composición nin prezo. Tamén a inclusión da expresión “amezas híbridas” para introducir un novo concepto que é un cruel eufemismo para dicir que as persoas inmigrantes son un perigo que require da atención e do control dunha poderosa organización militar. Novo concepto estratéxico dos socios.
 

Así e todo, fronte ás palabras están as imaxes. Sabemos que, moitas veces, unha imaxe vale máis que mil palabras. 
 

No é de estrañar que se procurase a neutralización do mal sabor de bocas e do lóxico medo a ese futuro que nos deparan as decisións dos señores da guerra, coa orientación do foco desta cimeira en medios de prensa de cara á parte do lecer e goce das delegacións diplomáticas de xeito que mesmo deixaron a sensación dunha viaxe de pracer para que os gobernantes do mundo puideran relaxarse diante do que se vén arriba; coa incoherencia da foto que amosa a pose deste grupo bélico fronte á atrocidade da guerra que simboliza o cadro Guernica.

Ensalada híbrida

Te puede interesar