En defensa do xornalismo

Non tiña previsto falar desta cuestión. Pensei en analizar a vitoria de Pedro Sánchez en Alpe d’Huez, ou a confesión sexual da Pantoja para optar ao Mundial 2030, pero cambiei de opinión, non estaba seguro de que esas cousas foran realmente así, talvez me confundía por culpa do calor, outro tema descartado. Decidín tirar por algo que controlo máis, o oficio que exerzo desde o século pasado.


Moitos non o saberán se non frecuentan a burbulla das redes sociais, pero anda quente o do xornalismo. As gravacións dun mafioso xunto a un par de altos cargos mediáticos espolearon a quen considera que o periodismo é o principal problema do país. Busquei na última enquisa do CIS a ver se a poboación pensa igual, pero resultou que os medios de comunicación non aparecen entre as súas 10 principais preocupacións, pero quen é o CIS para contradicir a tanto iluminado, así que seguimos. Resulta que somos un problemón, o MAL encarnado, e eu de colaboracionista. Horror.


Pero son de pensar. E resulta que non. Consciente dos moitos problemas de independencia que atravesa a nosa actividade (que coñezo e ata sufrín, por iso escribo desde un pisito no Castrillón e non desde un chalé en Galapagar ou Oleiros, como algúns prebostes do anti-xornalismo) resulta que a min nunca me gustou tanto o periodismo como agora. Cada mañá son incapaz de atender a todas as marabillas que se publican, sexan artigos, entrevistas, reportaxes, columnas, novas, podcast, etc… Flipo cando escoito a algúns dos “meus” -de esquerdas, enténdase- queixarse do panorama mediático cando nunca, repito, nunca, nunca na historia houbo tantos medios de liña progresista como agora. O que pasa é que se estás todo o día pendente de contar o que non che gusta doutros, pois igual traballas para el, heroe.


A min encántame o xornalismo. Tamén moito do de posicións distintas ás miñas, chámase pluralidade, (necesaria tamén nos medios públicos, pero iso é outro tema).


Os que viven obsesionados con corrixir aos demais o primeiro que fan é desprezar a capacidade de comprensión da xente, bastante hábil para peneirar o que le, usando iso que chamamos intelixencia e que eu prefiro supoñerlle a todo o mundo, ao contrario destes apóstoles da rebeldía elitista.


Porque detrás de todo este movemento de “no te lo contarán los medios” (normalmente referíndose a asuntos dos que se enteraron polos medios) que incriblemente está facendo fortuna mesmo en veteranos xornalistas que un día foron referencia, o que hai son dous perigos: o medo á crítica e o desexo que o periodismo sexa reemplazado polo modelo delirante das incontroladas redes sociais, das que como sabemos só saen feitos constrastados, verdade? Je.


Así que sigan aquí, que o xornalismo continúa producindo marabillas diarias, desas que impiden confundir o Congreso co Tour, por moito calor que faga.

 

En defensa do xornalismo

Te puede interesar