Cotas da miseria

Partindo da nada alcanzamos as máis altas cotas da miseria. Forma simple desta outra versión: A humanidade, partindo da nada e co seu só esforzo, chegou a alcanzar as máis altas cotas de miseria. É frase, nunha e noutra versión segundo a fonte que se teña ollado, que se atribúe á orixinalidade de Groucho Marx, ese mago do humor que se caracterizou polas súas frases intelixente de enxeño, retranca á americana que ben podería ser á galega, que son todo un compendio de metáforas da vida social e política actual. Cativo é o substantivo feminino, miseria, que o dicionario define só con dúas opcións; dunha parte a referencia á falta moi grande de cousas necesarias para vivir ou gran pobreza, e da outra á “cantidade moi pequena de algo” xa que en ámbalas dúas omite o aspecto ético e moral que representan maneiras de ser e actuar.


Por iso, no contexto do momento político, aquí e acolá, ese manual de crítica que representan as míticas frases do Groucho, son perfectos titulares para cualificar determinadas decisións, sexa a insensata forma de conducir a demanda dos sectores económicos máis afectados pola dolosa escalada dos prezos dos combustíbeis e da enerxía necesaria para o transporte de mercadorías e persoas, actuado tarde na procura de solucións xustas e desprezando como interlocutores na negociación de solucións aos afectados que se teñen mobilizado cun paro de actividade. Aquí, vén como anel ao dedo a consideración de que, moitas veces, “a política é a arte de buscar problemas, atopalos, facer un diagnóstico falso e aplicar despois os remedios equivocados”.


Se miramos á incomprensíbel decisións do goberno estatal en relación a submisión ao interese marroquí na política a impoñer ao pobo saharauí, contraria total e absolutamente ao dereito internacional de soberanía que lle corresponde a este territorio, á tradición histórica seguida desde o ámbito español responsable do abandono ao que foi castigado este colectivo humano e mesmo con desprezo a totalidade das outras forzas políticas representativa; no intento de tentar xustificar o inxustificábel lembremos que “é mellor permanecer calado e parecer parvo que falar e despexar as dúbidas definitivamente”. Neste asunto non se pode obviar que a política diplomática vai ao paso marcado pola Casa Branca, e daquela asumimos fronte deles que “estes son os meus principios, se non lle gustan temos outros”. Nisto e no clima belicoso que interesa á industria do armamento porque “intelixencia militar son dous termos contraditorios”. Miseria política, abofé.

Cotas da miseria

Te puede interesar