A Coruña, palabra do ano

Leo os periódicos dous días antes de que remate 2022. Este, por suposto, os da súa competencia local, algún outro do resto de Galicia, un par de Madrid e un de Barcelona. Son os que caen todos os días, como mínimo. E a pesar da intencionada variedade, mire onde mire, sempre aparece A Coruña. Ata nos lugares máis insospeitados. 
 

Por exemplo, todas as primeiras páxinas fan referencia ao falecemento dun dos mellores futbolistas de todos os tempos, Edson Arantes do Nascimento, Pelé. E sei que vivo nunha cidade que disfrutou en vivo do seu jogo bonito, e que ademais causou no brasileiro unha fonda impresión. Só A Coruña pode presumir diso en Galicia. 
 

Pero os xornais tamén referían onte, cando se escrebe este texto, outro pasamento, así mesmo de primeiro nivel. Morría un dos máis prestixiosos arquitectos do mundo, Arata Isozaki, gañador en 2019 do Premio Pritzker e, sobre todo, un tipo que moitos de vostedes levan anos vendo desde a ventá ou ao dar un paseo grazas a unha das súas obras máis celebradas. Porque el foi o autor do deslumbrante edificio da Domus, ese emblema coruñés situado nunha vella canteira de Monte Alto. Aí tamén estamos, no seu currículo, xunto a Los Ángeles, Shanghai, Barcelona ou Milán. Na Champions, como o Dépor dos anos tolos. 
 

E nos periódicos tamén se falaba dunha tradición destas datas, a de elixir a “palabra do ano”. No caso do galego a votación impulsada pola Real Academia Galega demostraba, por desgraza, o illamento social no que parecen teimar moitos dos que en teoría deberían loitar pola socialización da lingua. Por iso, saía escollida, tras unha campaña política ao seu favor, a palabra “comadre”, que non utilizou ninguén en 2022, pero é o que pasa cando se confunde postureo con realidade. Con máis tino, a Real Academia Española, por medio da Fundación de Español Urgente (Fundéu), apostaba por “Inteligencia Artificial”. Diso tamén temos na Coruña. 
 

Explica a Fundéu respecto á escolla que esa palabra, en realidade un concepto, refírese á “disciplina científica que se ocupa de crear programas informáticos que executan operacións comparables ás que realiza a mente humana, como a aprendizaxe o ou razoamento lóxico”. E engade que “tivo unha importante presenza nos medios de comunicación durante estes últimos doce meses, así como no debate social, debido aos diversos avances desenvolvidos neste ámbito e as consecuencias éticas derivadas”. 
 

Así é. Noutro diario leo que a IA é “a historia do ano”: “Pode cambiar a nosa forma de traballar ou de pensar”. E resulta que este gran acontecemento de 2022 xa ten capital: A Coruña, designada hai unas semanas sede da Axencia Estatal da Supervisión da Intelixencia Artificial, Aesia. Nada menos. Aí estamos. Tanto, que desta vez vou matizar á alcaldesa Inés Rey, que asegurou nun recente discurso que “Aesia” foi a palabra do ano na Coruña. Pode ser, pero máis ben creo que foi A Coruña a palabra do ano por todas partes.

A Coruña, palabra do ano

Te puede interesar