A Coruña, cidade de acollida

Ante a crise humanitaria que se está a vivir en Ucraína por causa da inxustificada agresión por parte de Rusia a Ucraína, A Coruña resposta. O Concello da Coruña foi dos primeiros en adherirse á rede de municipios do Eixo Atlántico que lles trasladaron a súa dispoñibilidade ao presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez e ao embaixador de Ucraína, a vontade de traballar de forma conxunta e coordinada para lles dar prioridade aos refuxiados e refuxiadas ucraínas.


Ademais dende o primeiro momento dende o goberno municipal mantívose contacto estreito con organizacións como ACCEM, Cruz Vermella ou AGA Ucrania para establecer accións coordinadas.

Como consecuencia desta actuación ao longo desta mesma semana porase en marcha na cidade a Oficina Municipal de Atención ao Pobo Ucraíno (OMAPU), co obxectivo de facilitar información e asesoramento ás persoas refuxiadas de Ucraína que cheguen á Coruña.


A oficina contará cun servizo de tradución e interpretación para evitar as barreiras idiomáticas co persoal municipal, ou para acompañar a xente acabada de chegar na execución de trámites oficiais coas administracións. Ademais, desde a OMAPU coordinarase o traballo diario coas entidades que traballen na atención e acollida das persoas refuxiadas co obxectivo de ser máis eficaces.


O Concello ademáis destinou seis vivendas de titularidade municipal á acollida de persoas refuxiadas polo conflito bélico e solicitoulle á Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB) que ceda vivendas dispoñibles na cidade para o mesmo fin.


Por outra banda, o Goberno municipal resolveu empregar as Axudas de Emerxencia Municipal ou o Programa A Flote, da Fundación Emalcsa, para cubrir as necesidades básicas das persoas afectadas mentres se tramita o recoñecemento da súa condición de refuxiadas, momento no que pasarían a estar cubertas, economicamente, polo Ministerio de Asuntos Exteriores.


O plan de medidas que executará o Concello da Coruña completarase cun servizo de atención psicolóxica para as familias das persoas refuxiadas que cheguen á cidade, así como outro servizo engadido, de acompañamento, para axudarlles a xestionar o trauma vivido, así como na súa integración, coa aprendizaxe paulatina do idioma.

A Coruña, cidade de acollida

Te puede interesar