A Coruña aposta polas enerxías renovables

Aguerra de Ucraína puxo de manifesto a excesiva dependencia enerxética de Europa de Rusia, país que provee cerca do 40% da demanda de gas da UE e tamén a nosa debilidade no uso de fontes de enerxía renovables. Neste contexto, a creación dun operador enerxético municipal na Coruña, un dos compromisos de investidura de Inés Rey coa Marea Atlántica cobra cada día máis sentido.


Esta semana avanzamos nesta dirección coa constitución da comisión político-técnica que se encargará de darlle forma legal a este proxecto de eficiencia e sostibilidade enerxética e loita contra o cambio climático e que ten como o obxectivo empregar fontes de enerxía 100% renovables. Unha comisión que está formada por persoal técnico municipal e de todos os grupos políticos da Corporación, contando co apoio de persoal investigador das universidades da Coruña e Santiago de Compostela.


Coa posta en marcha deste organismo damos un paso máis na aposta do Concello da 

Coruña pola sostibilidade e a loita contra o cambio climático como xa fixemos co proxecto de renovación de toda a iluminación pública da cidade para o que conseguimos máis de 12 millóns de euros de fondos europeos e co proxecto de obtención de gas da EDAR de Bens entre outros.


A nosa aposta pola sostibilidade non ten marcha atrás e por iso tamén estamos a avanzar na redacción do Mapa das Enerxías Renovables da Coruña, que permitirá identificar os mellores espazos para producir enerxía limpa dentro da cidade e a área metropolitana, en terreos xa urbanizados e minimizando o impacto ambiental, así como a utilización de tecnoloxías de xeración eléctrica en edificios municipais a través de instalacións minieólicas e fotovoltaicas, entre outras.


O noso obxectivo é reducir a dependencia enerxética derivada do consumo nos espazos públicos mediante o fomento do aforro e a eficiencia enerxética. Conseguir a máxima autosuficiencia enerxética e un descenso da vulnerabilidade dos sistemas a partir da captación de enerxías renovables a escala local. En definitiva, avanzar na transición enerxética tan fundamental para o avance do noso sistema económico e social. 

A Coruña aposta polas enerxías renovables

Te puede interesar