Colmeiro, na Fundación Luis Seoane

A Fundación Luis Seoane ofrece un amplo percorrido pola obra de Colmeiro (Silleda, 1901, Salvaterra de Miño, 1999), baixo o título “COLMEIRO.COR E SENTIMENTO”, un plantexamento no que a comisaria Mónica Alonso quere destacar certos aspectos simbólicos que poden asociarse co uso preferente de determinada cor. Xa Antón Castro falara do “azul Colmeiro” e do “verde Colmeiro” como algo singular da súa pintura, aínda que a súa paleta cromática abrangue todas as tonalidades, non obstante, certas temáticas parecen levar aparelladas o uso dun colorido preferente. Sabido é que ttivo sempre a Galicia: paisaxes, xentes, costumes... como motivo inspirador, aínda no exilio bonaerense ou nos anos de París. Galicia é para él o Eden añorado, a terra da promesa onde a vida se acorda aos ritmos dos traballos e dos días e discorre sinxela en harmonía coa natureza, cuxo sentimento pánico exalta. Así a canta, en evocadores azuis, personificada no fermoso “Retrato da miña nai” ou en “Recordo”, no que lembra, dende Bos Aires, á súa muller e ós seus fillos; entre azuis oníricos aparecen envoltas as donas núas dos cadros “A noite” e “Soños”, onde expresa o sentir máxico tan de noso. En gozoso verde esmeralda entona “ Muller con cereixas”, no que recolle o sosego hiératico e contemplativo da dona galega; en verde ou verde-amarelos pinta idílicas paisaxes de aberto espazo e frondosas árbores, e por etéreos espazos verde-azulados fai voar míticas “Amazonas”. Cando quere cantar a vitalidade da terra encende de amarelos de trigal e de palleiros os cadros de “A sega” ou pinta o roibo “Pan”. O vermello, non saturado, tirando a rosa ou granate, pon un contraste cálido na vestimenta de certos persoaxes, como en “Retrado de Emilia”, Os variados matices de marrón representan a cor da terra, como en “Mulleres recollendo patacas”, pero tamén poden dar canle a un patetismo expresionista, como no cadro “A guerra”; outras veces aparece como complementario de grises escuros, como as roupas que acompañan o cadaleito de “Campesiño morto”. Utiliza o gris en cadros da primeira época, para expresar o pathos e a dor, como en “Mineiros” ou “ A morte” de 1928; pero hai outro tratamento máis lírico no que recolle a atmosfera envolvente e misteriosa dos días de brétema e de chuviosos refachos, como na “Paisaxe” de 1931, protagonizada por frondosas árbores de axitadas copas. Mestre da cor, que para él era un dos elementos fundamentais da sintaxe plástica, ténselle aplicado o calificativo de “ fauvismo galaico” (Gaya Nuño, 1968), ao que replicou que as cores acesas da súa obra respirounas no ambiente do campo no que vivíu, o que confirma aquilo que dixo Murguía de que o pintor galego ten por natureza o sentimento da cor. Polifonía da cor, síntese formal; diálogo, alleo a detalles miúdos, de fondo e figura; trazo valente e solto que se achega a certas pulsións informalistas; xunto co entrañado sentimento da terra que ten acenos de telurismo máxico, fan de él un dos nosos grandes pintores.

Colmeiro, na Fundación Luis Seoane

Te puede interesar