Co corazón xeado

No medio desta inmensa traxedia que supuxo o afundimento do último dos pesqueiros galegos, o Vila de Pintaxo, tragados polas augas oceánicas do cobizado banco de pesca de Terranova, no lindeiro da mar costeira de titularidade canadiana, o imaxinario do suceso polas penosas condicións de traballo dos mariñeiros alí enrolados obriga a unha reflexión sobre a sinistralidade laboral. É un tema de grande magnitude ao que non se está prestando a debida e necesaria atención pública moitas veces tendente a relativizar estas situacións; alén de aproveitar para afondar nas penosas condicións nas que se prestan os labores profesionais e, aínda máis, de como poderían ser evitadas e minimizadas estas desgrazas, lutuosas traxedias desta dimensión. Par ir máis alá dos minutos de silencio, das bandeiras a medio pao, da mostras de dor limitadas aos grandes titulares de prensa e mesmo de parladoiros nacidos do fragor do momento.


Lembremos sempre que son accidentes laborais xurdidos da precariedade, da perda dos dereitos á seguridade e á protección que prime a vida e saúde das persoas por riba do interese mercantil e de ofertar prezos cada vez máis baixos polo traballo, en busca dunha competencia con mercados internacionais creados a partir da miseria aínda máis agrandada sobre o traballo doutras persoas deste planeta, por aí adiante, fillos de territorios que soportan pobreza e supervivencia mísera.


O desgraciado infortunio do barco marinense e dos mariñeiros que veñen de perder a vida nas xeadas augas do Atlántico Norte, mesmo coa crueldade de ver abandonado o labor de rescate de corpos de minimizase a dor da perda familiar, é un caso coincidente cun informe dando a coñecer o nivel de sinistralidade laboral no ámbito estatal español que achega cifras polas que se amosa que 1.137 persoas sufriron un accidente de traballo cada día e dúas delas morreron cada xornada. E dicir, máis de setecentas persoa foron vítimas mortais no seu posto de traballo. Botando cálculos, durante 2021 producíronse 1.137.523 accidentes de traballo. Números arrepiantes. Si.


Sen dúbida é hora de darlle unha nova interpretación ao poema machadiano: “Xa hai un español que quere vivir e a vivir empeza, entre unha España que morre e outra que bocexa. Españoliño que vés ao mundo gárdeche Deus, unha das dúas Españas ha de xearche o corazón”. Esa é a da desigualdade, da precariedade, da falta de seguridade e saúde mo medio laboral. E ten remedio.

Co corazón xeado

Te puede interesar