Clara Martín, na Fundación Venancio Salcines

A Fundación Venancio Salcines de Oleiros ofrece a mostra “O que comen as bruxas” de Clara Martín (Verín, Ourense, 1968), quen, ademáis de ter publicados varios libros de relatos e obras teatrais, traballa a técnica do collage, centrándose na temática femenina, denominada “femmage” que foi definida por Miriam Schapiro e Melissa Meyer como a actividade “practicada por mulleres que utilizan técnicas tradicionais para lograr a súa arte: coser, pegar, enganchar, cortar...” O título da mostra remítenos aos seculares poderes atribuidos as nosas meigas benéficas, aínda que aquí o “meigallo” ven unido a rostros familiares da moda e da publicidade e leva incluido o significado de fascinación que tales enmeigadas poden producir. Clara Martín quere liberalas dos estereotipos baleiros, para dar unha idea creativa do universo femenino. Quere facer da muller -como di- “ unha bruxa de última xeración ,..., coa fermosura dos seus logros, dos seus soños e das súas inquedanzas...” ; así que a representa como unha deusa da natureza e da fecundidade, chea de explosión criadora e de poderosas forzas nutricias e pánicas que saen da súa cabeza como impresionantes adubíos, que tamén poden ser vistos como metáforas de todas as creacións que bulen por sair do seu cerebro. A súa visión podería compararse, na súa exultante beleza, coa deusa Afrodita e, na súa orxía floral e frutal, coa Pomona romana, divinidade dos froitos e dos xardíns. Así, “Cóxega” “ ten a memoria chea de altares” e nácenlle da cabeza piñas e flores; “Sálvora” leva por cabelos unha coroa de xenios;” Lilium” ofrécelle ao sol unha explosión floral; a cabeza de “Thelma” non ten reparos para soñar con todas as rutas, aínda que pense que se volveu un pouco tola; as tres “Furias” son agora as deusas que loitan pola igualdade e a dignidade; “Nebra” leva na testa o cabalo Pègaso e ofrece coa man o Adan de Miguel Anxo; “Dorna” olla de perfil” con porte ergueito” e do seu toucado saen nobelos e vermellos soños; a “Xeo” florécenlle “ folerpas do solsticio de inverno” que adoptan protectoras formas femeninas; “Brétema” leva fríos de cor azul nos beizos e un colar de azuis bágoas, a un tempo soña con cálidos tuaregs; a cabeza de “Tambo” vai arroupada por unha man con paxaros tropicais e brancas plumas, mentres anceia “unha illa no medio do mar”; Treixa” “amarra as lembranzas con fíos de liño”; ferven paxaros arredor de “Odile”, quizais porque ten moitos na cabeza; “ Leira” -e toda ela unha explosión de uvas, margaridas, narcisos, fiunchos, loureiro... ; o cabelo de “Xurela” é unha enorme flor de cor celeste porque lle desceu das estrelas; o negro alento da noite pousóuse sobre “Éboli”; e “Tábana “ cheira a horta, a xardín e a lagoa”. Con este ramallo de persoais e maravillosos retratos do universo femenino, que acompaña con poéticos textos, Clara Martín entoa unha fermosa oda visual, un exultante e imaxinativo canto, para nos ofrecer unha visión máxica das infinitas posibilidades que van incluidas na condición da muller de paridora gran nai.

Clara Martín, na Fundación Venancio Salcines

Te puede interesar