Chove na casa do pobre

Si, chove. Sempre chove na casa do pobre. Palabra poética convertida en canción de indignación que bebe da poesía de Celso E. Ferreiro: Chove, chove, na casa do pobre chove e no meu corazón tamén chove. Metáfora dun tempo no que a xestión dun goberno insubmiso coa súa responsabilidade fronte a cruenta inxustiza que a inflación representa para os sectores máis empobrecidos das clases traballadoras fai caer sobre estas espazos de temor á incerteza e miseria.
 

Vivimos tempos de turbulencia, cunha taxa de incremento do IPC que non se coñecía desde hai décadas e coa ameaza dunha recesión no horizonte, porén as retribucións dos directivos empresariais continúan medrando, mesmo moi por encima do que o fan os prezos, á vez que os accionistas continúan percibindo suculentos dividendos. Pola contra, as retribucións da máis grande parte da xente traballadora, nos últimos anos e por tendencia crónica, apenas creceron ou mesmo retrocederon, ata o punto de perder preto de catro puntos porcentuais na renda estatal. Malia todo iso, a proposta do Goberno foi abrir unha formal “mesa de diálogo” que acordase unha moderación no crecemento das rendas, tanto das de natureza salarial como dos beneficios empresariais, para, desta maneira, facer fronte a unha inflación que estaba a crecer de maneira alarmante e imparábel.
 

Un xogo trucado no que, mesmo sen poder meter nun saco común a todas as rendas do traballo pola enorme diferenza existente entre os salarios, e tampouco a situación é idéntica en relación ás empresas, algunhas das cales están nu n estado preocupante; a representación patronal non está pola labor de negociar beneficios. Faltaría máis. Queren preservar a confortable dinámica da que gozan e manter intacta a súa privilexiada posición. De ningún xeito están pola resta das ganancias.
 

O Goberno, de ter vontade política e compromiso coa maioría social, podería fixar límites ás retribucións dos equipos directivos e limitar o reparto de dividendos aos accionistas. E por suposto tamén é da súa competencia a suba do salario mínimo, a actualización das pensión e os salarios dos traballares do sector público. A súa vez debe decidir sobre algo chave, sen escusa, aplicar unha política fiscal progresiva sobre os beneficios corporativos, ás rendas altas e á riqueza, alén das anunciadas ao oligopolio das eléctricas. Non é xusto que chova sempre na casa do pobre. Non é.

Chove na casa do pobre

Te puede interesar