Que cale e que traballe

|

Efectivamente, moitos saben que Garzón, o titular do Ministerio de Consumo de España, ten razón ou razóns para permanecer no cargo e seguir propoñendo e executando a política do Goberno en materia de consumo e protección dos consumidores, na ordenación do xogo e na seguridade alimentaria e nutricional. Esas son as encomendas que lle fixo o presidente Sánchez cando o nomeu ministro dese importante ministerio, que debe controlar a fame e a fartura e establecer unha relación de calidade nos mercados e nos negocios entre os consumidores e os surtidores de consumibles.


Tratar que o produto una, que fortaleza a idea da gobernanza orientada pola mesma batuta, é un dos obxectivos da coral gobernamental que fai canto pode para ensinarlles aos cidadáns (incluso aos de fóra) como son as formas distintas de entoar de cada un dos músicos. Que algúns músicos da mesma orquestra lamenten a claridade coa que se expresan outros compañeiros de palco, poida que sexa un erro ou unha estratexia na procura dun novo instrumento de vento cunha maior amplificación, maiores ondas expansivas e cun maior trombón, Pon-Poron-Pon-Pon.


Alberto Garzón Espinosa falou (por segunda vez) e non actuou, criticou o consumo irresponsable, defendeu a dieta mediterránea e a atlántica, magníficas as dúas para unha alimentación saudable e sa. Sen citalas, falou das vacas cachenas, das caldelás, limiás e vianesas. El sabe que a carne das galegas pode comerse sen medo a nada. Xa llo diría nalgunha ocasión a señora Díaz, unha ministra ben coidada e moi defensora do consumo de carne das razas autóctonas, das ovellas galegas, das cabras galegas, do porco celta e, se é carne de ave, que sexa das galiñas de Mos.


Aquí, na dieta atlántica parece que hai calidade en tódolos seus produtos, no chuletón que tanto aprecia o presidente do Goberno, nos ovos das pitas que foxen cada noite da raposa, nos peixes das augas do mar e dos ríos, en tódolos cultivos das hortas ben regadas e soleadas, nos chourizos da matanza, nas froitas de tódalas plantas e nos viños das ribeiras.


Se o Goberno observa pouca calidade nalgún dos produtos de consumo, que faga o favor de poñer os medios legais e técnicos para que non sega a desfeita, para achicar ata eliminar o pedrazo, e se o señor ministro de Consumo fala por falar, como di a Tía Manuela, “que cale e que traballe” non sexa que o aparten por galbán.

Que cale e que traballe